A Federación do Ensino do sindicato critica que se pretenda aforrar nese concepto ao tempo que se prevé a posibilidade de manter o concerto cos centros que segregan por sexosInfogauda / Santiago de Compostela
A Federación do Ensino de Comisións Obreiras (CC OO-Ensino) considera «un paso atrás nas políticas sociais» o anuncio feito pola Consellaría de Educación polo que se pon fin á gratuidade universal dos libros de texto.
O sindicato critica que, ademais, o departamento educativo só prometa sufragar o custo dos libros para as persoas situadas nunhas determinadas marxes de renda. Mesmo partindo do principio de non compartir a medida, CC OO considera que os baremos fixados pola Xunta son «inadecuados», xa que «deixan fora moitas familias que terían problemas para poder pagar os libros».
Para o sindicato, nun momento de crise económica como este «poderiamos entender que se cuestionase a 'gratuidade universal'» e «poderiamos entrar a negociar solucións alternativas para os sectores máis desfavorecidos economicamente dentro dunha negociación global». Pero xulgan «inadmisible» que a Administración educativa estea a «aforrar diñeiro de conquistas sociais para dilapidalo e distribuílo dunha forma pouco equitativa».
CC OO non considera coherente acabar coa gratuidade dos libros de texto ao tempo que se pon riba da mesa a posibilidade de «volver a investir grandes cantidades de diñeiro no concerto dos centros que escolarizan unicamente nenos ou nenas», isto é, que segregan o alumnado por razón de sexo. «Está claro que, se concertan estes centros, non queda diñeiro para o programa de gratuidade dos libros de texto que xa tiñan unha partida orzamentaria aprobada».
Ningún comentario:
Publicar un comentario