26 de xuño de 2009

28 de xuño: Día Internacional do Orgullo Gai e Lésbico

Amnistía participará nos actos organizados por “Nós Mesmas” en Vigo o venres e o sábado

A orientación sexual segue a ser motivo de persecución e discriminación en todo o mundo

Amnistía Internacional pide a Camerún que despenalice as relacións homosexuais en
www.actuaconamnistia.org



Amnistía Internacional / Vigo
Co gallo da celebración do Día Internacional do Orgullo Gai e Lésbico, Amnistía Internacional (AI) denuncia que as leis que penalizan a homosexualidade e a homofobia institucional que incita e xustifica a discriminación e a violencia contra o colectivo LGBT (lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero) persisten en todo o mundo.

AI nos actos reivindicativos do Orgullo Gai en Vigo
Cunha pancarta co lema “Amar non é delito”, Amnistía Internacional (AI) sumarase á “Festa Invertid@s Disco Party” no local Plaff! (R/Oliva, 8 Casco Vello) na madrugada do venres ao sábado, onde recollerá sinaturas en postais a prol da despenalización da homosexualidade en Camerún. AI tamén participará na concentración organizada pola asociación ”Nós Mesmas” ás 20.00 h. na Praza da Constitución en conmemoración do Día do Orgullo Gai e Lésbico en Vigo a prol dos dereitos humanos e liberdades das personas homosexuais, bisexuais e transxénero.

Amar non é delito: asina en
www.actuaconamnistia.org
“Repartiremos postais sobre a situación en Camerún –declarou Alberto Estévez, voceiro da organización-, onde nos últimos tres anos, varias ducias de mozos e mozas foron arrestadas, detidas, sentenciadas a condenas de prisión e multadas polo simple feito de manter supostas relación sexuais de mutuo acordo con persoas do mesmo sexo”. Segundo medios locais, unha personalidade eclesiástica da alta xerarquía católica camerunesa denunciou publicamente en decembro de 2005 a homosexualidade. Dende entón, moitas persoas homosexuais son perseguidas no país.

O Código Penal camerunés penaliza as relaciones sexuais consentidas entre persoas adultas do mesmo sexo, de tal xeito que “calquera que teña relacións sexuais cunha persoa do mesmo sexo será castigado con condenas de prisión de seis meses a cinco anos e multado con 20.000 a 200.000 francos CFA” (aproximadamente de 40 a 450 euros).

Este tipo de leis que consideran a homosexualidade un crime son causa directa de que a homofobia sexa endémica na sociedade camerunesa, e por este motivo Amnistía Internacional pide ás autoridades, ás organizacións da sociedade civil, ás organizacións relixiosas e aos medios de comunicación que defendan, respecten e protexan os dereitos humanos de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, a través dunha ciberacción que xa se pode asinar en
www.actuaconamnistia.org.

En Arabia Saudita, Irán, Mauritania, Qatar, Sudán, Iemen e algúns estados de Nixeria, as relacións consentidas entre persoas do mesmo sexo poden chegar a castigarse coa pena de morte. Noutros moitos países, as relacións sexuais entre persoas do mesmo sexo son consideradas delito. Gambia penaliza a conduta homosexual como «delito antinatural» con condenas de ata 14 anos de prisión. Senegal condenou a dous homes en agosto de 2008 a dous anos de prisión por «matrimonio homosexual e actos contra a natureza». En Marrocos, un tribunal confirmou en xaneiro de 2008 as condenas de ata 10 meses de prisión impostas a seis homes declarados culpables de «conduta homosexual». En Exipto, 24 homes foron detidos por «práctica habitual de libertinaxe»; en 2008, 20 deles foron condenados a entre un e tres anos de prisión. A maioría foron obrigados a someterse a exploracións anais para «demostrar» que tiveran condutas homosexuais.

Ademais, a penalización por causa de orientación sexual ou identidade de xénero actúa como incitación oficial á violencia contra o colectivo LGBT ou como xustificación da violencia e de actitudes homófobas como normas sociais aceptables. Así, individuos ou grupos homofóbicos e transfóbicos entenden estas leis como un permiso para perseguir a persoas e organizacións e sabotear actos da comunidade de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero.

Amnistía Internacional considera que as persoas detidas ou encarceradas en virtude deste tipo de leis son presas de conciencia e traballa para lograr a súa liberdade inmediata e incondicional. A despenalización é esencial como un primeiro paso no camiño cara a igualdade plena de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero.

Homofobia institucional en Europa
As autoridades de varios países europeos continúan a fomentar un clima de intolerancia e discriminación contra lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero, o que dificulta aínda máis que se escoiten as súas voces e se protexan os seus dereitos.

Así, durante o ano 2008 e o primeiro semestre de 2009, as autoridades prohibiron actos públicos en apoio das comunidades de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero en Bielorrusia, Lituania e Moldavia. En maio de 2009, tivo lugar a marcha do Orgullo Eslavo en Moscova, na Federación Rusa. As autoridades prohibiran a súa celebración e a policía antidisturbios cargou contra os manifestantes e detivo a entre 25 e 80 activistas.

As autoridades tampouco protexeron aos organizadores e participantes no Festival Gai de Saraxevo, que se celebrou por primeira vez en Bosnia e Hercegovina en setembro de 2008. O acto concluíu antes do previsto debido ás ameazas de morte recibidas polos seus organizadores e ás agresións sufridas por algúns participantes, despois dunha campaña homófoba dirixida por algúns políticos e medios de comunicación. Outros cargos políticos en Lituania, Letonia, Bulgaria o Polonia tamén falaron en termos inequivocamente homófobos ou manifestáronse contrarios á celebración deste tipo de manifestacións.

Noutros países, as autoridades aplican a lei de xeito discriminatorio ou impulsan leis con trazos claramente homófobos. En xuño de 2009, o Parlamento de Lituania decidía seguir adiante cun proxecto de lei que institucionaliza a homofobia e suporía prohibir o debate sobre a homosexualidade nas escolas, así coma toda referencia a ela en calquera información pública que poidan ver menores. A reforma proposta equipara a homosexualidade á violencia física ou psicolóxica, á exhibición dun corpo humano morto ou cruelmente mutilado e a información que suscite temor ou horror ou fomente a automutilación ou o suicidio.
En Turquía, un tribunal ordenou a clausura dunha organización que defendía os dereitos de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero, co argumento de que os seus obxectivos ían «contra os valores morais e a estrutura familiar». E na Federación Rusa rexeitouse a inscrición no rexistro dunha organización dedicada á defensa dos dereitos de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero por considerar que entre os seus obxectivos figuraba o de «reducir a poboación da Federación Rusa», o que podía representar unha «ameaza contra a seguridade nacional».

Ningún comentario:

Publicar un comentario