Xurxo González Rodríguez, cineasta e historiador de A Guarda

O MASAT é o resultado do proceso de personalización do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega. O día 24 de febreiro abriu as súas portas esta veterana institución que leva connosco moitos anos e que neste inverno sufriu non so un lavado de cara senón a aplicación dun novo proxecto arqueolóxico chamado a marcar as directrices dos vindeiros anos non só da propia sede do museo senón de todo o relativo ao Plan Director do Monte Santa Trega e da vida cultural da Guarda.
A verdade é que non é sen tempo que se produce esta necesaria transformación. Tivo que darse a conxuntura adecuada para ver materializada unha idea que se botaba en falta desde fai anos. Por fin, viuse o resultado da maridaxe entre o goberno local do Concello da Guarda, encabezado por Xavier Crespo (Concelleiro de Patrimonio) e da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, baixo a sensibilidade de Felipe Arias.
Sen dúbida, o resultado das actuacións son altamente satisfactorias: singularización do nome, logotipo do museo, actuación no espazo do museo, deseño dun itinerario expositivo, grande traballo do deseño do espazo, eliminación da luz natural, boa iluminación artificial, depuración das pezas expositivas, aparición de audiovisuais… Un proxecto museístico moderno interesante do que, por fín, todos os veciños da Guarda poden sentirse orgullosos.
Mais todos estes elementos positivos non son quen de deixar de reflectir algunhas importantes carencias. Certamente, é unha pena que o Plan Museístico do MASAT realizado pola empresa Trivium de Santiago de Compostela non fose máis incisiva en certos aspectos. Tería sido moi interesante que se tivese contado co consello ou opinión de estudos locais do Monte Santa Trega. Quizais o maior erro é a falta de proxección divulgativa. Grazas a estas intervencións en relación ao deseño e organización do espazo, o museo quedou totalmente renovado pero é evidente que aínda se facía necesaria outra “volta de torca”.
Esta enumeración de eivas hai que tomalas como apuntamentos para que todas as institucións implicadas na salvaguarda do MASAT tomen medidas ao respecto nun futuro que, todos esperamos, sexa próximo. O máis grave erro desde o punto de vista especializado é o enfoque realizado sobre as diferentes cronoloxías. Os distintos paneis informativos teñen algúns datos cuestinoables, son confusos e empregan material excesivamente especializado para os visitantes neófitos. Hai certo material gráfico, como os mapas, que se repite sen necesidade, botándose de menos algunha foto aérea do monte, do poboado ou dos propios petroglifos (é significativo o feito de haber todo un painel dedicado a eles sen que apareza un única imaxe dos mesmos). As mamparas centrais son mapas iluminados que conteñen pouca información e están demasiado altas para escolares, sentíndose a falta dalgunha maqueta do castro ou plano con algún tipo de interacción cos visitantes. Os audiovisuais son demasiado austeros xa que alén das imaxes son necesarios rótulos e informacións identificativas. E o máis grave quizais sexa a falta de presenza de contidos de microhistoria que fosen apresentados dunha maneira didáctica de xeito que permitisen comprender a vida cotiá dos castrexos.
A maiores tamén é necesario unha creación dunha comunidade de “amigos” do MASAT ao que puideran estar tanto comerciais e hosteleiros como veciños, asociacións e institucións da Guarda. Unha páxina web para ter presenza no espazo virtual. Unha maior difusión da marca ou imaxe coorporativa do museo. Creación de unidades didácticas para escolares. E o deseño e organización de visitas turísticas tentando relacionar o museo, co castro, co monte, coa vila e a paisaxe en xeral.
Como vemos é moito o traballo que queda por facer, pero nestas semanas nada vai poder enturbiar a extraordinaria ledicia que debemos sentir todos os guardeses pola chegada do MASAT!
Xurxo González
Historiador da Arte
Historiador da Arte
Ningún comentario:
Publicar un comentario