Proxección de “Donnie Darko” no Cine Club Tui como actividade paralela á exposición bibliografica sobre o libro “Alicia no país das marabillas” na Biblioteca Municipal
• Será este martes en dobre sesión ás 18.30 h e ás 20.45 h no Espazo Sociocultural
Infogauda/Tui
A Biblioteca Municipal de Tui acolle dende o pasado 14 de outubro a mostra bibliográfica sobre o libro “Alicia no país das marabillas” de Lewis Carrol, pseudónimo do matemático e escritor británico Charles Lutwidge Dodgson. Expóñense ata noventa exemplares da colección de Fátima García Doval, en diversos idiomas, formatos e edicións, así coma distintos obxectos relacionados co libro.
Este martes, o Cine Club de Tui proxectará "Donnie Darko", unha película que complementa a esta exposición sobre esta obra fundamental da literatura mundial porque transformou o xeito de escribir para nenos e desafiou as normas lóxicas e sociais da súa época.
A cita será no Espazo Sociocultural con dobre sesión ás 18.30 h e ás 20.45 h. "Donnie Darko" é un cruce case que perfecto entre “Alicia no País das Marabillas” e a festividade de Samaín.
Tanto “Donnie Darko” como “Alicia no País das Marabillas” presentan a un protagonista que atravesa un portal entre a realidade e un mundo no que rexe unha lóxica imposible, e no que as regras do tempo, o espazo e a identidade esvaécense. Ningún dos protagonistas elixe internarse nese abismo, senón que a forza das circunstancias os arrastra dan man dun coello caótico, a medio camiño entre o real e o delirio, que conducirá a un labirinto de visións, profecías e paradoxos.
Os dous relatos presentan, no fondo, duras críticas disfrazadas de fantasía que configuran unha viaxe iniciática que culminan cun espertar no que, sen que nada cambie, todo ten mudado e xa non son a mesma persoa. Historias parellas nin tan brancas nin tan lóbregas como parecen, que nos levan a reflexionar, neste tempo de mortos, que da máis medo, pesadelo ilóxico ou a realidade núa, un contraste ó que se enfrontan, de formas distintas, nenos e adolescentes en tódalas épocas e lugares.

Ningún comentario:
Publicar un comentario