Este venres preséntase o catálogo de Relicario, de Carlos Fer
• A intervención artística amplía a súa estadía na Catedral até o 30 de novembro. Forma parte do programa de actividades dos 800 anos da consagración do templo
Infogauda/Tui
Este venres, 9 de outubro, ás 18:00h na catedral de Santa María será presentado o catálogo de “Relicario” do tudense Carlos Fer. Esta intervención artística está deseñada especificamente para este lugar coincidindo coa celebración dos oitocentos anos da consagración do templo catedralicio.
Esta instalación leva presente na nave central da catedral dende finais do pasado mes de xuño e que agora amplíase ata o 30 de novembro.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “estamos diante dun dos proxectos máis ilusionantes do programa de actividades desta efeméride pois integra aspectos de ampla proxección: unha “exposición” de arte contemporánea nun espazo patrimonial marcado pola arte románica e gótica, nunha mestura certamente atrevida e atractiva”. Engade que un segundo aspecto deriva do autor deste proxecto, o artista tudense Carlos Fer, que xunto á súa mocidade presenta unha traxectoria artística de grande alcance, e que significa a primeira ocasión en que amosa a súa obra artística na súa cidade natal. A concelleira tudense agradece a colaboración do Cabido da Catedral tudense para a realización desta intervención artística que, financiada integramente polo Concello de Tui, ao igual que o catálogo que agora se presenta. Este catálogo está deseñado por Jorge Prado, de Studio Studio, conta coas fotografías de Omar Oubiña e os textos de Carlos Fer.
Como sinala Carlos Fer: “O noso proxecto pon en relación dous mundos. Dun lado, o patrimonio histórico, a fábrica medieval, o retablo barroco, as reliquias custodiadas durante séculos, toda a herdanza material e espiritual que a catedral conserva.
Do outro, as ferramentas do presente, o escaneado tridimensional, a modelaxe dixital, a impresión 3D, os materiais sintéticos que a industria contemporánea puxo ao noso alcance. A peza toma o máis antigo da catedral, as súas reliquias, e tradúceo co máis novo, a documentación e fabricación dixital, para devolvelo convertido noutra cousa que segue sendo, no fondo, a mesma”.
“Do mesmo xeito que a devoción medieval atopou no ouro e na talla a linguaxe para honrar o sagrado, hoxe dispoñemos dunha linguaxe distinta, feita de arquivos e de filamentos, para facer o mesmo xesto de coidado (…)”. “Quen percorra a nave baixo os colares verá, se presta atención, ese dobre tempo superposto. Verá a pedra de hai oitocentos anos a través dunhas contas fabricadas onte. Verá a luz de sempre refractada en cristais novos. Verá os relicarios do retablo repetidos no aire, xa libres da súa vitrina, convertidos nunha grinalda que atravesa o espazo. Esa simultaneidade, ese estar á vez no pasado e no presente, é quizais o que mellor define a experiencia da peza. Escoller entre o antigo e o contemporáneo non é o que pide. Pide miralos xuntos”.
Carlos Fer (Tui, 1997) é artista visual, docente e investigador. Rematando o seu doutoramento pola Universidade de Vigo en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, foi docente na ESDIR, a EASD Pablo Picasso e a Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa práctica abarca pintura, cerámica, videoarte e instalación, con atención á materialidade, á suspensión, ao peso e a apertura da pintura cara ao espazo.
Ten catro exposicións individuais recentes: Relicario (Catedral de Santa María de Tui, 2026), Limiares Acuosos (Casa da Cultura Galega, Vigo, 2025), Letting the Painting Fall (Sint-Lukas Gallery, Bruxelas, 2025) e Pregar a Pintura, comisariada no Museo Provincial de Pontevedra (2024). Participou en bienais como a XXVI Bienal de Cerveira (Portugal, 2026), XXXII Bienal de Pontevedra (2025) ou a XV Bienal de La Habana (Cuba, 2024) e en mostras colectivas en lugares como a Cité internationale des arts (París, 2026); na Fundación Luis Seoane (A Coruña, 2024); na Valentiny Foundation (Luxemburgo, 2023); ou no Palacio Euskalduna (Bilbao, 2023).
As súas residencias e estadías de investigación inclúen a CIDA de París (2025–2026), a Fundación Nicole & Walter Leblance a LUCA (Bruxelas, 2025), Matadero Madrid (2025), a Bibliothèque historique de la Ville de Paris (2026) o programa Nortear da AECT (2024 e 2026), e o Pazo de Mariñán (2023 e 2026). Foi seleccionado nas bolsas Novos Valores da Deputación de Pontevedra (2025), no Programa In Situ da fundación Daniel e Nina Carasso (2025) e finalista no X Premio Cervezas Alhambra Arte Emergente ARCO (2026).
Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Adquisición no XIX Isaac Díaz Pardo, (2025); Premio do XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense (2025), o V Premio Crea (2025), Premio de Investigación en artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas (2025), Premio do Público do VII Festival Internacional de Cine Intersección (2024) e o Primeiro premio do XXI Certamen de Pintura da UVigo. O seu traballo forma parte de diferentes coleccións públicas e privadas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario