Sandra González comparte na Universidade de Santiago de Compostela a experiencia de Tomiño como exemplo de transformación desde o ámbito local
• A alcaldesa participou no foro «Territorios que lideran», onde defendeu a participación veciñal, a recuperación dos espazos públicos e un maior financiamento para os concellos
Foto: CdeT
Infogauda/Tomiño
A experiencia de Tomiño na transformación dos espazos públicos e na participación cidadá formou parte do debate sobre o futuro dos gobernos locais no foro «Territorios que lideran. O futuro comeza no local». A alcaldesa, Sandra González, participou neste encontro, celebrado os días 5 e 6 de outubro na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e impulsado pola USC coa colaboración da Deputación da Coruña.
Sandra González interveu na conversa sobre o futuro do municipalismo en Galicia, moderada pola decana Marta Lois, xunto con Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, e María Rozas, tenente de alcaldesa de Santiago de Compostela. A sesión permitiu compartir experiencias de goberno e reflexionar sobre os cambios necesarios para reforzar a capacidade de actuación das administracións máis próximas á cidadanía.
Na súa intervención, a alcaldesa explicou o cambio de modelo iniciado en Tomiño hai case vinte anos para devolver ás persoas espazos que estaban pensados fundamentalmente para o coche. A praza do Seixo, as actuacións en Goián e a creación de lugares de encontro nas parroquias exemplifican unha aposta por un concello máis accesible, amable, verde e seguro. «O espazo público condiciona como vivimos e como nos relacionamos», sinalou, destacando a importancia destes lugares para construír comunidade nun territorio rural e disperso.
A participación veciñal foi outro dos eixos da súa achega. González defendeu que a escoita debe formar parte da xestión ordinaria e acompañar as decisións municipais. Neste sentido, compartiu iniciativas como O Concello Escoita, os consellos parroquiais, as mesas de saúde e Voces Novas, que incorpora a mirada da infancia e da mocidade ás cuestións que afectan a súa vida cotiá. «Se queremos unha cidadanía implicada dentro de dez anos, temos que empezar hoxe», afirmou.
No debate sobre as relacións entre administracións, González reclamou que o aumento das funcións e responsabilidades municipais vaia acompañado dos recursos económicos necesarios. Advertiu de que os concellos asumen cada vez máis servizos, especialmente no ámbito social e dos coidados, sen que o financiamento medre ao mesmo ritmo. Tamén destacou a necesidade de reforzar os equipos técnicos para acceder ás convocatorias de financiamento e executar os proxectos con garantías.
González reivindicou, finalmente, un rural con capacidade para ofrecer oportunidades e calidade de vida, desde unha planificación que vaia máis alá dos catro anos dun mandato. «Debemos construír territorios nos que a xente queira quedar, queira volver e nos que as novas xeracións vexan futuro», expresou, defendendo a proximidade, a comunidade e a identidade como fortalezas para o municipalismo dos próximos anos».
XaimeCortizo.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario