24 de out. de 2026

TOMIÑO

O Espazo Isaura Gómez conquista o Premio María Moliner polo seu traballo de promoción da lectura  

•  O Concello celebra o Día das Bibliotecas cun recoñecemento estatal que avala a súa aposta polo Espazo Isaura Gómez, consolidado como referente cultural con máis de 1.550 persoas usuarias. 


A Biblioteca de Tomiño ven de ser distinguida co Premio María Moliner 2026
Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño

 A Biblioteca de Tomiño ven de ser distinguida co Premio María Moliner 2026, un recoñecemento estatal aos proxectos que destacan polo seu traballo de animación á lectura e pola súa implicación na vida da comunidade. O galardón avala a programación e o labor bibliotecario desenvolvido no Espazo Isaura Gómez, que pouco máis dun ano despois da súa apertura supera as 1.550 persoas usuarias e se consolida como un lugar de referencia para a cultura, a aprendizaxe e o encontro en Tomiño. 

 A noticia cobra especial significado no marco do Día das Bibliotecas, que se celebra este sábado 24 de outubro. O premio, impulsado polo Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, recoñece o traballo das bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes para achegar a lectura a toda a veciñanza, especialmente ás persoas con maiores dificultades de acceso. O recoñecemento sitúa a Tomiño entre os 370 premiados en todo o Estado e recibirá preto de 3.000 euros para a adquisición de novos fondos. 

 Para a alcaldesa, Sandra González, o galardón confirma o acerto dunha aposta que o Concello impulsou desde o inicio coa convicción de que este equipamento podía transformar a vida cultural do municipio. «Cando puxemos en marcha este proxecto, tiñamos claro que Tomiño necesitaba unha biblioteca con capacidade para ofrecer unha programación estable e chegar a persoas de todas as idades. Hoxe vemos esa idea funcionando, coa veciñanza participando e utilizando o espazo cada día. O Premio María Moliner é un recoñecemento a ese camiño», sinala. 

 A biblioteca ofrece unha programación estable para públicos de todas as idades, con contacontos, visitas escolares, obradoiros, club de lectura e presentacións de libros. Estas propostas, xunto co servizo de préstamo e o uso diario das instalacións para ler e estudar, consolidaron o Espazo Isaura Gómez como un punto de referencia na vida cultural de Tomiño.  

 Sandra González destaca tamén o labor das persoas que sosteñen o servizo: «Este premio recoñece o traballo de quen atende, recomenda un libro, prepara unha actividade e consegue que a xente queira volver. A biblioteca está consolidada porque hai un equipo que a coida e unha veciñanza que a fai súa». 

Ningún comentario:

Publicar un comentario