30 de out. de 2026

TOMIÑO

O alumnado de Tomilingo destaca a oportunidade de aprender inglés e vivir unha experiencia no estranxeiro co apoio do Concello 

•  Sandra González reuníuse no IES Antón Alonso Ríos cos once participantes, dez deles con bolsa municipal, e co director do centro para compartir a valoración da estadía de dúas semanas no Reino Unido. 


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, compartíu un encontro no IES Antón Alonso Ríos co alumnado que participou na primeira edición de Tomilingo e co director do centro, Héctor Lago

Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, compartíu un encontro no IES Antón Alonso Ríos co alumnado que participou na primeira edición de Tomilingo e co director do centro, Héctor Lago, para facer balance da estadía no Reino Unido. Os once mozos e mozas, dez deles con bolsa municipal, destacaron o trato recibido polas familias de acollida, a variedade de actividades e excursións e a oportunidade de vivir unha experiencia que, para parte do grupo, sería difícil asumir sen o apoio do Concello. 

 O programa naceu dunha petición dos propios rapaces e rapazas de Voces Novas, o grupo de participación da mocidade de Tomiño, que propuxeron facilitar o acceso a estadías de aprendizaxe de idiomas no estranxeiro. O Concello recolleu esta demanda e impulsou a iniciativa coa colaboración do instituto, que se implicou no proceso de selección e na coordinación desta primeira edición. 

 Durante dúas semanas, o grupo permaneceu en Westgate-on-Sea, onde combinaron as clases de inglés coa convivencia en familias nativas e cunha programación de obradoiros, propostas culturais e visitas a lugares como Londres, Cambridge e Canterbury. A relación con alumnado doutros países permitiulles tamén practicar o idioma, coñecer outras culturas e establecer novas amizades. 

 Na conversa coa alcaldesa, os participantes explicaron como esta inmersión lles axudou a desenvolverse en situacións cotiás nun contorno diferente e a gañar autonomía e confianza. Máis alá das clases, puxeron en valor a aprendizaxe que supuxo compartir o día a día nas casas de acollida e comunicarse en inglés fóra da aula. “Escoitar o que viviron e todo o que aprenderon é especialmente satisfactorio porque Tomilingo naceu dunha proposta da propia mocidade”, salienta González. 

 A alcaldesa subliña tamén a importancia das bolsas para ampliar as oportunidades educativas. “Queremos que os rapaces e rapazas poidan formarse, coñecer mundo e gañar confianza, e que a situación económica das súas familias non sexa unha barreira para facelo. Que nos conten que sen esta axuda dificilmente poderían ter participado dalle sentido ao esforzo municipal”, sinala. 

 Sandra González agradeceu a implicación do equipo do IES Antón Alonso Ríos e a colaboración das familias na posta en marcha do programa. O balance compartido neste encontro servirá para incorporar as achegas do alumnado e seguir mellorando Tomilingo nas próximas edicións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario