30 de out. de 2026

PONTEVEDRA

O BNG reclama na Deputación que a Xunta aborde a situación das e dos bombeiros forestais e garanta a prevención dos incendios durante todo o ano 

• A formación nacionalista fíxose eco hoxe no Pleno da protesta que mantén o colectivo en Chandebrito para reclamar mellores condicións laborais 

• Cuestiona o actual modelo do goberno galego, que realiza boa parte do traballo forestal na tempada de maior risco de incendios 


Manuela Rodríguez, deputada do grupo provincial do BNG
Foto: BNG

Infogauda/Pontevedra

 O Bloque Nacionalista Galego reclamou hoxe á Xunta de Galiza que aborde a situación laboral dos bombeiros e bombeiras forestais, mellore as súas condicións e avance cara a un modelo profesionalizado que permita desenvolver tarefas de prevención, mantemento e recuperación do monte durante todo o ano. Así o solicitou o grupo provincial do BNG nun rogo presentado no Pleno da Deputación de Pontevedra, no que instou á institución provincial a reclamar ao Goberno galego unha resposta ás demandas “dun colectivo esencial para a protección do territorio”. 

 A iniciativa nacionalista plantexouse hoxe dada a conflitividade laboral existente, pola que as e os profesionais están a intensificar as súas mobilizacións para denunciar a precariedade e reclamar cambios na organización do servizo. De feito, este mesmo venres un grupo de bombeiros e bombeiras forestais iniciou unha folga de fame de 24 horas en Chandebrito (Nigrán) para visibilizar a súa situación. 

 Segundo subliñou a deputada Manuela Rodríguez, para o BNG resulta especialmente preocupante que quen desenvolve unha función fundamental na protección dos montes teña que recorrer a medidas de protesta deste tipo para reclamar melloras. A formación nacionalista considera que é evidente a necesidade de revisar o modelo de organización e funcionamento do dispositivo forestal e que o Goberno do PP non pode limitar a súa resposta a medidas parciais. 

 O Bloque defende que a loita contra os incendios non pode concentrarse nos meses de verán nin limitarse á extinción cando os lumes xa están declarados. A prevención, subliñou Rodríguez, debe ser unha tarefa permanente que inclúa durante todo o ano labores de limpeza e mantemento, xestión da biomasa, vixilancia e recuperación das superficies afectadas polos lumes. Para iso, considera imprescindible contar cun dispositivo profesionalizado, estable e con capacidade para desenvolver traballos preventivos tamén durante os meses de menor risco. 

 O BNG cuestiona que a Xunta continúe mantendo un modelo que non aproveita todo o potencial dos recursos humanos especializados e que deixa parte do persoal nunha situación de incerteza laboral. Entende que a profesionalización do servizo e a mellora das condicións de traballo deben formar parte dunha mesma estratexia, e que a prevención non pode ser unha actuación complementaria ou secundaria dentro da política forestal galega, “senón unha prioridade que require planificación, continuidade e recursos suficientes”. A través do rogo de hoxe no Pleno, o BNG entende que a Deputación debe implicarse na situación, facer forza e instar á Xunta a tomar medidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario