6 de out. de 2026

O ROSAL

Cinco mulleres toman a palabra con Vero Rilo nos Venres Rebuldeiros   

• A narradora presenta ‘Elas’ este venres, 9 de outubro ás 18:00 h na biblioteca municipal  


Vero Rilo
Foto: CdoR

Infogauda/O Rosal

 Os Venres Rebuldeiros reciben esta semana á narradora oral Vero Rilo, que chega á Biblioteca Municipal do Rosal con Elas, un espectáculo no que dá voz e corpo a cinco mulleres para percorrer, a través das súas experiencias, diferentes momentos da vida desde a infancia ata a madurez. 

 A cita será este venres 9 de outubro ás 18.00 horas e achegará ao público relatos de procedencias diversas, dende historias de autoría propia e narracións tradicionais ata testemuños recollidos directamente da voz de mulleres anónimas. Mulleres sen nome que, precisamente por iso, poderían ser calquera. 

 Ao longo dunha sucesión de escenas, Vero Rilo pon sobre a mesa cuestións como a loita feminista, as violencias machistas, a maternidade, a sexualidade ou as relacións humanas, construíndo unha mirada plural a partir das diferentes voces protagonistas. 

 “Os Venres Rebuldeiros permítennos descubrir todas as posibilidades que ofrece a narración oral, tamén como ferramenta para falar de quen somos, das experiencias que compartimos e de realidades sobre as que é necesario seguir reflexionando”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 Narradora oral desde 2013, Vero Rilo leva máis dunha década contando contos e historias de vida para públicos moi diversos. Tanto en solitario como nos seus traballos a dúo, constrúe un repertorio no que conviven feminismo, tradición, memoria histórica, resistencia, alegrías, afectos e rebeldías, cunha presenza habitual da música nas súas propostas. 

 A chegada de Elas dá continuidade á programación dos Venres Rebuldeiros, o ciclo impulsado polo Concello do Rosal para facer da biblioteca un espazo vivo arredor das historias, dos libros e da palabra compartida. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario