“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” chega ao Porriño coa súa exposición itinerante
• A mostra inaugurarase o luns 19 de outubro ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Concello do Porriño e poderá visitarse ata o venres 23. FEMUPO convida á cidadanía a participar no acto de apertura e coñecer as mulleres referentes que protagonizan o proxecto.
Raquel Touriño/ O Porriño
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa o percorrido do proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” cunha nova parada no Porriño, onde a exposición itinerante permanecerá instalada entre o luns 19 e o venres 23 de outubro.
A inauguración oficial terá lugar o luns 19 ás 11:00 horas na Sala de Prensa do Concello do Porriño, nun acto aberto ao que FEMUPO convida a participar a toda a cidadanía.
O encontro servirá para presentar o proxecto e achegar ao público as historias das mulleres, colectivos e entidades recoñecidas ao longo das distintas edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, convertendo as súas traxectorias en referentes próximos capaces de inspirar a outras persoas.
A exposición está composta por sete paneis. O primeiro presenta e contextualiza o proxecto; outros cinco recollen as edicións dos Premios Mulleres FEMUPO de 2022 a 2026; e o último permite acceder, mediante códigos QR, a vídeos e outros contidos dixitais relacionados coas premiadas.
Ao longo destes cinco anos, os premios recoñeceron mulleres e entidades de ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración e o asociacionismo, poñendo no foco exemplos de esforzo, talento, compromiso e capacidade para abrir camiño.
O proxecto parte dunha idea fundamental: os referentes importan. Coñecer historias de mulleres que romperon barreiras, lideraron proxectos, emprenderon, crearon, competiron ou traballaron polo ben común permite ampliar horizontes e mostrar ás novas xeracións que existen moitos camiños posibles.
“Poñer ás mulleres referentes no foco é un gran paso. Queremos que a cidadanía coñeza estas historias e descubra que os referentes femininos están en todos os ámbitos da sociedade e tamén moi preto de nós”, afirman desde FEMUPO.
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” é unha experiencia cultural, educativa e social itinerante que conecta igualdade, territorio e valores do Camiño de Santiago.
O proxecto percorre diferentes concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, combinando exposicións, obradoiros e actividades participativas arredor dos referentes femininos, a igualdade, a participación cidadá e o coidado do territorio.
A chegada ao Porriño supón unha nova etapa deste percorrido e unha oportunidade para que a cidadanía se achegue á mostra e coñeza de primeira man as mulleres que protagonizan os Premios Mulleres FEMUPO.
Desde FEMUPO animan a veciñanza do Porriño, asociacións, entidades, centros educativos e colectivos do municipio a participar no acto de inauguración.

Ningún comentario:
Publicar un comentario