A CIG-Construción advirte de que os recentes accidentes laborais graves no sector evidencian a falta de formación e seguridade
• Insta as administracións a intervir e as empresas a adoptar as medidas necesarios para garantir a saúde e integridade das persoas traballadoras
Infogauda/Galiza
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG advertiu hoxe que os recentes accidentes laborais graves rexistrados no sector en Galiza -catro en apenas dous meses- evidencian a problemática que a central sindical vén denunciando dende hai tempo, e que ten que ver coa falta de formación e as deficiencias en materia de prevención e seguridade laboral. En consecuencia, instan as administracións públicas a intervir e as empresas a adoptar as medidas necesarias para garantir a saúde e integridade das persoas traballadoras.
En concreto, sinalan as condicións de precariedade e explotación nas que boa parte do persoal ten que desenvolver o seu traballo, especialmente as persoas migrantes que están a nutrir de man de obra o sector a través de interminábeis cadeas de subcontratación. Persoal que non conta a maior parte das veces coa formación necesaria e que ten que traballar sen as medidas de protección oportunas.
“Isto está a provocar un aumento dos sinistros, como os acontecidos o pasado 9 de setembro en Negreira no que faleceu un operario brasileiro, o 2 de outubro no Porriño no que foron feridos catro traballadores, onte nun edificio en Vigo no que resultaron lesionados dous operarios senegaleses ou hoxe mesmo en Ourense, no que foron feridos graves outros dous traballadores”, tal e como explica Plácido Valencia, secretario nacional da CIG-Construción.
Por iso o responsábel sindical fai fincapé na necesidade de apostar pola formación laboral no sector, así como por incrementar a prevención de riscos e seguridade e saúde laboral. “É necesario tamén un maior compromiso e unha acción decidida da Inspección de Traballo ante as numerosas denuncias presentadas ao longo do país polos graves incumprimentos das empresas, así como unha fiscalización das medidas adoptadas para garantir a integridade das persoas traballadoras”.
Precisamente con este obxectivo a CIG está a levar a cabo unha serie de accións no sector, como a desenvolvida o pasado 19 de xuño coa paralización das obras de rehabilitación do Castelo de Monterrei, en Verín, para denunciar as condicións de explotación que padecen as persoas traballadoras estranxeiras das subcontratas portuguesas que prestan servizo para a UTE adxudicataria dos traballos encargados pola Xunta de Galiza.
Xornadas de máis de 10 horas e mesmo traballo en sábado son algunhas das irregularidades detectadas nunha obra na que se incumpre sistematicamente o convenio do sector, tal e como a central sindical denunciara diante da Inspección de Traballo a finais do ano pasado. A raíz da protesta a autoridade laboral respondeu a varias das denuncias dándolle en parte a razón á CIG nalgunhas cuestións, polas que abre acta de infraccións graves en materia laboral, “aínda que din que outras non foron quen de constatalas”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario