6 de out. de 2026

O PORRIÑO

A CIG esixe reforzar a prevención no sector extractivo tras o accidente nunha canteira de Atios 

• A Unión Local do Porriño trasládalle a súa solidariedade ás catro persoas traballadoras feridas, unha delas de gravidade 

Infogauda/O Porriño 

 A Unión Local da CIG do Porriño esixe que se reforce a prevención en materia de saúde e seguridade laboral no sector extractivo tras o accidente acontecido o pasado venres día 2 nunha canteira de Atios. Dende a central sindical trasladan a súa solidariedade coas catro persoas traballadoras feridas, unha delas de gravidade, e adiantan que seguirán con atención tanto a súa evolución como o resultado da investigación para determinar as causas do suceso.  

 Con todo, o sindicato considera necesario agardar ao resultado das pescudas para coñecer as causas e as circunstancias nas que se produciu o accidente laboral, evitando valoracións ou responsabilidades anticipadas.   

 Ao mesmo tempo, lembra que as actividades extractivas presentan riscos laborais de especial gravidade e unha elevada sinistralidade, polo que é fundamental manter e reforzar de maneira permanente as medidas de prevención e seguridade. “Este accidente debe servir para seguir avanzando na mellora das condicións de seguridade no sector, e para que as administracións competentes reforcen a vixilancia e o control das condicións de traballo nas canteiras e nas explotacións mineiras”.

 Finalmente, fai fincapé na necesidade de entender a seguridade e a saúde das persoas traballadoras como unha prioridade, especialmente naquelas actividades nas que os riscos poden ter consecuencias de especial gravidade. “Dende a CIG seguiremos con atención a evolución das persoas afectadas, así como o resultado da investigación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario