23 de out. de 2026

GALIZA

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N 

•  A central empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral asistindo masivamente ás marchas




Infogauda/Santiago de Compostela

 A CIG anuncia a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna' para esixir da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque que permita frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. A central sindical demanda medidas contundentes para paliar o encarecemento da vida, a pobreza salarial, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a degradación dos servizos públicos mentres o grande capital continúa a obter beneficios extraordinarios.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS DA FOLGA XERAL 11N (cidades e vilas)

· A Coruña: ás 12h. Praza de Vigo.

· Ferrol: ás 12:00h. Local CIG (Avenida de Esteiro).

· Lugo: ás 12:00h. Edificio Sindical (Ronda da Muralla).

· Pontevedra: ás 12:00h. Praza da Ferrería.

· Santiago de Compostela: ás 12:00h. Praza Roxa.

· Ourense: ás 11:00h. Edificio Sindical.

· Vigo: ás 12h. Cruzamento da Dobrada.

· A Estrada: ás 12h. Cruzamento da Dobrada.

· As Pontes: 12:00h. Praza do Concello.

· Burela: ás 12:00h. Local CIG (Arcadio Pardiñas).  

·  Carballo: ás 12:00h. Praza do Concello. 

· Cee: ás 12:00h. Praza 8 de Marzo.

· Monforte: ás 12:00h. Praza de España.

· O Barco: ás 12:00h. Praza do Concello

· Ribeira: ás 12:00h. Mercado Municipal.

· Verín: ás 12:00h. Praza do Concello.

· Vilagarcía: ás 12:00h. Casa do Mar.

 

A suba dos prezos que a pague o capital

O medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras galegas. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade, hai que engadir unha grave deterioración dos servizos públicos e retroceso nas políticas sociais.

A vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas pero a especulación converteuna nun luxo inaccesíbel para a maioría social. Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola seca, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os EUA teñen en marcha, que conta coa obediencia da Unión Europea e co entreguismo do Estado español. Perigosa deriva militarista que está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN. 

Unha inflación que está aumentando as débedas das familias, polo que moitas delas non teñen onde vivir ou como acceder a bens e servizos básicos. Un encarecemento da vida que multiplica os efectos negativos que xa veñen causando as precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais (a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT, etc.), que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos. Fronte a esta realidade, o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astronómicos.

Contra a complicidade dos gobernos e o auxe da ultradereita

As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital. A presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permítelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios.

Todo isto pasa cando o capitalismo está nunha tendencia cada vez máis reaccionaria no social, no económico e no político. Alentan a ultradereita, a extrema dereita e o fascismo, fomentando a ideoloxía españolista e negando a realidade plurinacional do Estado.

Por un Plan de Choque en rescate da clase traballadora

O obxectivo da folga é reclamarmos da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque baseado no principio ‘Queremos vivir dignamente, coas seguintes medidas:

1.- Paralizar o aumento do gasto militar e anular o que se ten aprobado para destinalo á protección social, aos servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.

2.- Intervención pública nos sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade para garantir uns mínimos de benestar social.

3.- Fixar nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea (60% do salario medio). Garantir o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais. Aprobar a descentralización do SMI para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal.

4.- Promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC real, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.

5.- Os gobernos fixarán por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación.

6.- Prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.

7.- Aprobar un Plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervir o mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar, que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores. Creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.

8 .- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. Así mesmo, aprobar unha reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, eliminar o mercado marxinalista e cambiar o sistema de fixación de prezos e desvincular o prezo da electricidade do prezo do gas.

9.- Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022. 

10.- Reforzar os servizos de mobilidade aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario