23 de out. de 2026

CULTURA

O VIRTUOSISMO DA GUARDESA THAI LEONOR OTERO PECHA ESTE VENRES A MOSTRA FOTOGRÁFICA DEDICADA ÁS PERSOAS VENCELLADAS Á HISTORIA DE SAN XEROME EMILIANI 

•   A intérprete ofrecerá un recital con obras de Bach e Saint-Saëns este venres 23 de outubro, ás 20:30 horas, en Lacena • comida espida •, como clausura da exposición de Manuel Álvarez dedicada ás persoas que contribuíron á historia da asociación guardesa. 


  Thai Leonor Otero Iglesias actuará hoxe en Lacena • comida espida •,  na Guarda
Fotos: Cedidas
Exposición «Suite [SAN XEROME EMILIANI] Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afíns», do fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez

Infogauda/A Guarda

 Música e fotografía conflúen este venres 23 de outubro, ás 20:30 horas, en Lacena • comida espida •, na Guarda, coa actuación da violonchelista Thai Leonor Otero Iglesias, que protagonizará o acto de clausura da exposición «Suite [SAN XEROME EMILIANI] Presenzas e olladas. Faces e figuras. Afíns», do fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez. 

 Thai Leonor Otero conta cunha destacada traxectoria formativa nas especialidades de violonchelo e piano. Guardesa, nada en Thai Nguyen (Vietnam), completou o cuarto curso de Grao Profesional de ambos os instrumentos no Conservatorio Profesional de Música de Tui, tras iniciar os seus estudos na Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (AMDOR). 

 Desde 2019 é alumna da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) de Santiago de Compostela, onde perfeccionou a súa formación como violonchelista con Alejandra Díaz Pérez, integrante da London Symphony Orchestra, e Thomas Piel, primeiro violonchelo da Real Filharmonía de Galicia. 

 A súa formación complétase coa participación en clases maxistrais impartidas por intérpretes e docentes como Suzana Stefanovic, María de Macedo, Haruna Takebe e Paulo Oliveira, así como en diferentes edicións dos cursos CAMPUS CAMus de Vila do Conde (Portugal) e da Xoven Orquestra Terranova de Lugo. 

 Para esta ocasión, a intérprete preparou un programa que inclúe o célebre Preludio da Suite nº 1 para violonchelo, BWV 1007, de Johann Sebastian Bach, así como o primeiro movemento do Concerto para violonchelo nº 1, de Camille Saint-Saëns, nunha versión libre para violonchelo solo. O recital completarase con O cisne (Le cygne), unha das composicións máis coñecidas da suite O carnaval dos animais, tamén de Saint-Saëns, interpretada con acompañamento de piano gravado. 

 A actuación servirá como clausura da mostra fotográfica que desde o pasado 15 de outubro rende homenaxe ás persoas vencelladas á historia da Asociación San Xerome Emiliani, pechando o evento cun viño da amizade para as asistentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario