BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés visita ao Málaga antes dun novo parón
• O equipo baixomiñoto disputará este mércores, 14 de outubro, ás 20:00 horas, a sexta xornada ligueira na pista do Costa del Sol Málaga
• A comitiva, de 15 xogadoras sen Cobo nin Martínez, sairá na noite deste martes, en avión dende O Porto
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés continúa co seu outubro de máxima esixencia. O equipo baixomiñoto visitará este mércores, 14 de outubro, ás 20:00 horas, no pavillón José Luis Pérez Canca, ao Costa del Sol Málaga, na sexta xornada ligueira, a última antes dun parón de medio mes. Viaxan 15 xogadoras, aínda sen María Cobo nin Elena Martínez.
As de José Ignacio Prades chegan con ganas de manter o seu bo ritmo de resistencia, aínda que tamén buscando sacarse a espiña do último partido. O pasado sábado as guardesas demostraron unha grande resiliencia ante A Sangriña ao remontar máis de seis goles de desvantaxe ante un Replasa Beti-Onak moi contundente defensivamente; se ben a vitoria escapóuselles no derradeiro segundo cun gol final moi polémico e cuestionado (21-21). E aínda que o Club non reclamará a decisión arbitral, si que está disposto a dar unha resposta co seu desempeño na pista, buscando ir ao parón mantendo o invicto.
Para iso, continuarán este mércores co esixente itinerario do mes de outubro. Superada con matices esa primeira proba ante o rival navarro, o equipo baixomiñoto viaxa na noite deste martes en avión á cidade andaluza cunha comitiva de 15 xogadoras. María Cobo, operada dunha rotura de ligamento cruzado a comezos de ano, aínda non está dispoñible, se ben baralla xa a súa alta médica, que pode que sexa realidade para o regreso do parón; mentres a lesión de xeonllo de Elena Martínez atopou novas complicacións e incertezas sobre o seu alcance e seriedade. O Club espera poder ter información definitiva ao respecto nas vindeiras semanas, mentres afrontará cos seus efectivos dispoñibles a quincena de preparación para o novo tramo competitivo que iniciará recibindo ao Bera Bera o 31 deste mes.
O seguinte chanzo, antes diso, será un Costa del Sol Málaga que se fixo con varias caras coñecidas durante o verán. Trala retirada das pistas da guardesa Estela Doiro a finais da pasada tempada, xunto coas saídas doutros nomes importantes coma Joana Resende, Silvia Arderius, Isa Medeiros, Rita Campos ou a gardameta Alice Fernandes; Suso Gallardo recorreu ao mercado estatal para resarcir o seu cadro de persoal. Ademais das, ata agora, guardesas María Sancha e Ariana Portillo, sumáronse ao equipo andaluz Katia Zhukova, Grasiella Brasil, Mica Rodrigues e Ida Wall, formando un grupo que comeza xa a atopar o seu sitio e a súa forza particular.
O pasado sábado, as panteras venceron sen contestación a un Porriño desarmado na súa casa (16-28), asinando a súa terceira vitoria do curso e sumándose ás xa conquistadas contra o campión Rocasa (30-27) e o recentemente ascendido Pozuelo (14-29). Nos seus cinco encontros ata agora acumula outras dúas derrotas, unha contra Bera Bera (17-22) e outra contra un Elda (23-20) moi forte neste comezo de tempada. En quinto posto da táboa e con ganas de consolidar a súa nova boa dinámica, está claro que as malagueñas darán todo o que teñan para poder facer que os dous puntos queden en Carranque.
José Ignacio Prades: “Estamos nun bo momento para acudir a Málaga e intentar pelexar polos dous puntos”
O adestrador do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, pensa no Costa del Sol Málaga coma un rival que “nos últimos anos sempre pelexou por cousas moi grandes e foi campión”, e que na actualidade tamén “ten un cadro de persoal para estar entre os primeiros da clasificación e son candidatos ao título de Liga, así coma a gañar toda competición onde se atopen”. Por todo iso, é evidente para el que “será un partido de máxima dificultade, e ademais, fóra da casa, o que sempre semella que é un hándicap engadido”.
Malia a longa viaxe e a esixencia, o de Petrer explica que as súas “están a traballar moi ben e comezaron moi ben a semana, con moitas ganas de volver coller boas sensacións”, polo que defende que “estamos nun bo momento para acudir a Málaga e para intentar pelexar por dous puntos que serían moi positivos”, e que suporían un reforzo con respecto ao traballo “que vimos a desenvolver dende o inicio da competición”.
Por todo iso, e aínda “sabendo da máxima dificultade que entraña o partido”, nas súas palabras, “imos con moitísima ilusión e moitísimas ganas de competir”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 6
Costa del Sol Málaga – Balonmán Atlético Guardés
Mércores 14 de outubro | 20.00 horas | Pavillón José Luis Pérez Canca (Málaga)
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmano Femenino Costa del Sol Málaga:

Ningún comentario:
Publicar un comentario