BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés non pode (30-28) co aluvión sueco e este domingo terá que ser superior
• O equipo baixomiñoto non puido ante un Boden moi contundente tanto en ataque como en defensa e caeu este sábado na ida da Round 2 da EHF European League. A eliminatoria decidirase este domingo, de novo ao 12.00 h na Sangriña (TVG2)
• O comezo guardés foi moi bo, aínda que ao minuto 15 as suecas lograron empatar e poñer a tónica do resto do partido. As de Prades deixaron grandes intentos de liderado na segunda parte, pero sen chegar máis aló do empate
• Os 11 goles de Rosane Serrano non foron suficientes para facer fronte a un rival moi forte en lanzamento exterior e fisicamente superior
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés cae primeiro na súa estrea europea. O encontro de ida da primeira eliminatoria da EHF European League, a Round 2, saldouse con vitoria a domicilio do Boden Handboll sueco na Sangriña, froito dun físico superior que lles permitiu defender con maior fortaleza e atacar con máis intensidade durante a práctica totalidade do partido (30-28). As luces para as locais foron os 11 goles de Rosane Serrano e os 6 de Blazka Hauptman, así como un gran desempeño de Sabina Mínguez baixo paus na segunda metade. O clasificado decidirase este domingo no partido de volta, de novo ás 12.00 horas na Sangriña e emitido en directo pola TVG2 e agalega.gal.
O encontro comezou con liderado baixomiñoto, pois as de Prades saíron á pista con moita confianza en ataque e dispostas a aguantar os golpes en defensa. Blazka Hauptman encadeou varios balóns practicamente seguidos para deixar ás súas por diante, da man dunha Rosane Serrano que volvería ser goleadora e xa comezaba a facerse notar desde os sete metros (3-7, min. 10).
Aínda que ao Boden custoulle entrar en calor e chegar á rede rival neses primeiros instantes, cara ao ecuador desta primeira parte o ton do partido cambiou de forma moi notable. O xogo comezou a ser máis incómodo para as guardesas, cada vez menos capaces de frear a unhas Thomsen, Höglund ou Lindlöf moi contundentes nos seus achegamentos á portería de Ana Marín e cada vez máis confiadas desde o exterior. Pasado o primeiro cuarto, as suecas levaban o partido a táboas, obrigando a José Ignacio Prades a parar o tempo (9-9, min. 16).
Á continuación, aínda que Ania Ramos respondeu desde o extremo en máis dunha ocasión, as da Sangriña xa non volverían recuperar unha superioridade notable. O aluvión sueco non cesou, mentres o Atlético Guardés pecou de erros non forzados que o Boden non desaproveitou e, ademais, dábase de bruzos cunha Sofie Börjesson baixo paus que chegou ás 19 paradas e superou o 44% en todo o encontro; quedando o marcador ao encontro cos primeiros signos da maior intensidade nórdica (17-15, min. 30).
E aínda que o equipo baixomiñoto saíu dos vestiarios con intención de igualar os esforzos, o certo é que as diferenzas físicas foron as que ditaron as dinámicas. A maior altura sueca comezou a permitir máis soltura desde máis aló dos 9 metros, especialmente para unha Carla Thomsen que volveu ser protagonista nesta segunda metade. Só o ataque a 7 que intentou o corpo técnico baixomiñoto daba algúns signos de posibilidades de remontada, despois de varios minutos sen goles (21-18, min. 43).
Pero o partido estaba sentenciado e ningunha das demais propostas locais, a pesar do apoio dunha bancada moi implicada, logrou o efecto desexado. O gol guardés pagábase máis caro que o sueco e a pesar de atoparse o anfitrión con varias oportunidades de reducir a distancia, unha nova penetración no súa defensa, habitualmente infranqueable e hoxe bastante superada, esfumaba o oasis desa posibilidade. Só a superioridade numérica en ataque dáballe algo de aire e permitiulle soñar nos minutos finais cun marcador moito menos axustado, aínda que o risco da portería baleira penalizou e foi demasiado atractivo para un Boden extremadamente rápido ao contragol (29-26, min. 56).
O epílogo deixaba claro que este domingo lle esperaba ás galegas un novo duelo de intensidade. Un último gol de Serrano, o undécimo, desde os sete metros salvaba os mobles antes do asubío final, grazas en parte ao balón fóra de tempo que coroaba a última ofensiva escandinava (30-28, final).
José Ignacio Prades: “Quedan 60 minutos onde intentaremos esgotar todas as nosas posibilidades da man da nosa afección”
Para o técnico do Atlético Guardés, José Ignacio Prades, o deste sábado “foi un bo partido sobre todo, de cara ao espectador, con moitísimos goles e moitísimo ritmo”. O adestrador baixomiñoto valorou o seu bo inicio, no que “entramos ben ao partido e creo que nos adaptamos moito mellor nós ao seu traballo que elas ao noso, xa que, sobre todo a nivel ofensivo, tardaron en acostumarse á nosa defensa máis móbil”.
Con todo, na segunda metade, os erros pesaron: “Creo que logo foi xusto ao contrario e non fomos capaces de ler a súa barreira e practicamente cada erro en ataque, tanto en lanzamento como en canto a perdas de balón, acabámolo pagando carísimo”. Para este domingo, a folla de roteiro consistirá en tratar de ser algo superiores. “O resultado de hoxe implica que houbo igualdade, sabiamos que non sería definitivo e que habería que esperar o domingo, co cal queda recuperar o mellor posible e intentar corrixir os matices que poidamos cambiar”, insiste, sentenciando que “quedan 60 minutos de eliminatoria onde intentaremos esgotar todas as posibilidades, da man da nosa afección, para poder estar na seguinte rolda”.
Boden Handboll IF (17+13): Isabelle Andersson (6), Carla Thomsen (5), Mia Lagumdzija (5), Lina Lützhoft (5), Ida Lindlöf (3), Frida Höglund (2), Sofie Börjesson (1) (p.), Nicoline Vendelborg (1), Lorin Sendi (1), Donna Bakker (1), Line Hegglund, Sara Nordström, Elsa Öst, Moa Nilsson e Selma Hasanbegovic (p.).
Balonmán Atlético Guardés (15+13): Rosane Serrano (11), Blakza Hauptman (6), Cecilia Cacheda (5), Nerea Gil (2), Ania Ramos (2), Aintzane García (1), Noelia Solla (1), África Sempere, Silvia Leiras, María Palomo, Cristina Cifuentes, Carme Castro, Daniela García, Sabela Lomba, Ana Marín (p.) e Sabina Mínguez (p.).
Marcador cada cinco minutos: 1-3, 3-6, 6-9, 11-11, 16-13, 17-15, 18-17, 20-17, 22-18, 25-22, 27-25, 30-28.
Árbitros: Alexandre Bragança e Hugo Xavier Dias. Amoestaron con tarxeta amarela ao visitante José Ignacio Prades (adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Isabelle Andersson, Ida Lindlöf, Frida Höglund e Moa Nilsson (2) e ás visitantes Blazka Hauptman e Noelia Solla.
Incidencias: Partido de ida da Round 2 da EHF European League, disputado no pavillón municipal da Sangriña.


Ningún comentario:
Publicar un comentario