A GUARDA CELEBRARÁ O SAMAÍN CUN ROTEIRO DE TERROR E UN OBRADOIRO DE CHAPAS TERRORÍFICAS
• A actividade, dirixida a nenos e nenas a partir dos seis anos, terá lugar o 31 de outubro, de 18:00 a 20:30 horas, con saída na Praza da Igrexa e chegada á Praza do Reló
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda celebrará o Samaín o vindeiro 31 de outubro cunha proposta pensada para gozar dunha tarde de misterio, lendas e terror en familia.
A programación inclúe o roteiro “O Mamut e a Lúa”, unha actividade de misterio adaptada para nenos e nenas a partir dos seis anos, así como un obradoiro de chapas terroríficas na Praza do Reló.
O roteiro realizarase entre as 18:00 e as 20:30 horas, cun percorrido que comezará na Praza da Igrexa e rematará na Praza do Reló. A través dunha historia chea de fantasía e misterio, as persoas participantes poderán mergullarse nunha lenda na que a Lúa e o Mamut se enfrontan polo goberno da Terra nunha noite moi especial: a do 31 de outubro.
As inscricións para participar no roteiro realizaranse o propio 31 de outubro a partir das 17:30 horas na Praza da Igrexa. O percorrido terá unha duración aproximada de entre 15 e 20 minutos e organizarase en grupos dun máximo de 12 persoas para facilitar o desenvolvemento da actividade.
Segundo conta a historia de “O Mamut e a Lúa”, nun tempo remoto a Terra e a Lúa namoráronse e dese amor naceron fillos. Porén, Mamut, deus da Terra, foi cruel e inquebrantable, raptou os seus fillos e mandounos ao Inframundo. Dende aquela, a Lúa vaga cada noite na súa procura, sen acougo e sen resposta, agardando a que as portas do Inframundo se abran. Esa noite será o momento de descubrir que acontece cando as forzas de Mamut, a Lúa e os seus fillos se enfrontan de novo.
A proposta completarase cun obradoiro de chapas terroríficas na Praza do Reló, onde os máis pequenos poderán dar renda solta á súa creatividade e elaborar os seus propios deseños inspirados no Samaín.
A organización lembra que os menores deberán ir acompañados dunha persoa adulta responsable durante a actividade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario