13 de out. de 2026

A GUARDA

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda  acorda  iniciar  mobilizacións para esixir  personal médico 

•  As listas de espera superan as 3 semanas e hai 2400 persoas sen médico asignado 

 

Asemblea veciñal convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, celebrada  no Centro Cultural
Foto: PenDdaSP

Daniel Alonso/A Guarda 

 Nunha concorrida asemblea veciñal convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, celebrada  no Centro Cultural, acordouse o inicio de mobilizacións para esixir á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza a dotación do cadro médico completo para o centro de saúde da localidade. 

 A non cobertura de dúas prazas de medicina de familia provoca que 2.400 persoas non teñan un médico de referencia. A situación caótica que sofre o centro de saúde do Rosal obriga ás profesionais guardesas a atender, ademais dos seus pacientes, a aquelas persoas sen médico asignado da localidade e ás que veñen do Rosal, o que xera listas de espera de máis de 3 semanas. 

 Desde a Plataforma sinalan que os desvíos permanentes de cantidades multimillonarias de fondos públicos á sanidade privada e os recortes na atención primaria desde a chegada do PP á Xunta de Galicia son o motivo da situación que se está a vivir, polo que esixen un cambio de rumbo das políticas sanitarias. Segundo denunciou nos últimos días a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, o 47,7% do gasto sanitario do SERGAS no 2026 acaba no sector privado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario