A Guarda sae a rúa para esixir á Xunta de Galiza unha sanidade pública de calidade
Redacción/A Guarda
Convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, unha numerosa manifestación percorreu as rúas centrais da localidade para esixir á Xunta de Galiza a cobertura de todas as prazas médicas que están sen cubrir.
O portavoz da plataforma, Álvaro Lamas, na súa intervención manifestou que "o empeoramento da calidade asistencial débese á falta de cobertura de prazas de medicina de familia. A situación caótica que sofre o centro de saúde do Rosal agrava a saturación das axendas dos profesionais guardeses ao teren que atender, alén dos seus pacientes, as persoas sen médica asignado e os usuarios e usuarias que veñen do Rosal pola carencia de persoal nese municipio".
Lamas aclarou que "a falta de persoal ten como consecuencia que 2.400 persoas non teñan médica de referencia e que os tempos de espera para ser atendidos cheguen ás tres semanas" e enfatizou: "que saiba a Xunta de Galicia e o PP que a goberna, que a Guarda non vai quedar calada diante deste despropósito".
A continuación, o portavoz da plataforma rematou a súa intervención dicindo que o deterioro da sanidade pública é a consecuencia das inxustificadas baixadas ano tras ano dos orzamentos para a sanidade pública e o desvío de fondos millonarios ás empresas privadas de sanidade e aclarou que, segundo a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), o 47,7% do gasto sanitario do SERGAS neste ano 2026 vai acabar en mans do sector privado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario