3 de set. de 2026

VILADESUSO (OIA)

Viladesuso énchese de cultura e lecer nunha nova edición do Rei Sol do 4 ao 6 de setembro  




Patricia Muñoz Raña/Viladesuso (Oia) 

 Viladesuso (Oia) prepárase para vivir unha fin de semana repleta de actividades culturais e de lecer para todas as idades, cunha nova edición do Rei Sol do 4 ao 6 de setembro. O festexo, organizado pola Asociación Veciñal de San Miguel de Viladesuso e a Comunidade de Montes de Viladesuso, brindará unha nova oportunidade para gozar de actividades que combinan cultura, tradición popular e lecer nun ambiente de convivencia veciñal, celebración e posta en valor do patrimonio.  

 As actividades terán lugar en diversos espazos da parroquia. Todas elas son gratuítas e non requiren inscrición previa. Ademais, tanto o sábado pola tarde como o domingo haberá bebida e empanadillas a prezos populares.  

 As propostas culturais comezarán á tardiña do venres 4 de setembro, aproveitando as últimas horas de luz para facer un pequeno paseo e visita nocturna polo núcleo de Viladesuso, repasando as historias, espazos e memorias que foron dando forma a aldea. Aproveitando que se compren 230 anos de vida da parroquia (1796-2026), a proposta consistirá nun roteiro colaborativo de arredor de 2 horas de duración no que diversas veciñas e veciños compartirán as súas historias e coñecementos. A actividade, coordinada pola guía local Amodo Turismo, sairá ás 20:00 horas da igrexa parroquial e rematará no Eirado. 

 As actividades do Rei Sol continuarán o sábado 5 de setembro pola tarde cunha ampla proposta lúdica para todos os públicos, que chegará da man de Barafunda Animación. A área de lecer do Cabezo (a carón da estrada PO-552 que une Baiona e A Guarda) será o escenario dunha divertida sesión de xogos e competicións populares, tanto individuais como colectivos, que dará comezo ás 17:00 horas.  

 O día grande do Rei Sol será o domingo 6 de setembro, xornada que contará con programación de mañá e de tarde. Así, ás 12:00 horas a casa de montes de Viladesuso acollerá a presentación do libro “El artista maldito”, obra do escritor local Ánxelo Gonzalves Vicente. Trátase dunha novela de suspense que, a través de grandes doses de intriga e misterio, presenta unha viaxe no tempo que nos levará desde a Galicia actual ata a Roma de 1505. 

 O domingo pola tarde a programación trasladarase ao Cano dos Mouros, onde, a partir das 18:00 horas, a rapazada poderá participar nas actividades do obradoiro “As cores da Prehistoria”, de temática prehistórica e arqueolóxica. Arredor das 19:00 horas comezará o espectáculo “Circanelo”, unha proposta da compañía N+1 que combina teatro xestual, danza e acrobacia e que deixará en Viladesuso divertidos momentos cheos de espontaneidade, sorpresa, tenrura e enxeño.  

 Como vén sendo tradicional en cada edición do festexo, a xornada rematará sobre as 21:00 horas co ocaso, momento para rememorar a lenda do Rei Sol cunha contemplación do solpor en comunidade. Este ano, serán Os Remexidos os encargados de poñer o peche musical ao momento máis especial dun festexo que, ao longo dunha fin de semana, xera espazos de convivencia, divertimento e celebración arredor da cultura e o patrimonio local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario