A Comunidade de Montes de Teis recibe 20.000 euros dunha fundación holandesa para continuar a recuperación do bosque autóctono
• A axuda de Giving Back to Nature recoñece a experiencia, o rigor e o compromiso de case tres décadas coa conservación da biodiversidade e a educación ambiental
Infogauda/Vigo
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis recibirá unha axuda de 20.000 euros da fundación holandesa Giving Back to Nature para continuar os traballos de eliminación e control de Acacia melanoxylon e avanzar na recuperación do bosque autóctono no monte veciñal de Teis, A Madroa.
A concesión desta axuda supón - como nos afirmou Eduardo García Crespo, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Teis - un recoñecemento á experiencia, ao rigor e ao compromiso mantido pola comunidade durante case tres décadas coa recuperación ambiental do territorio. Desde finais dos anos noventa, a Comunidade de Montes desenvolve actuacións de restauración forestal, conservación da biodiversidade e educación ambiental, cun traballo continuado baseado no coñecemento e defensa do territorio, na planificación, innovación e no seguimento das actuacións.
Para a Comunidade de Montes ten tamén un significado especial que unha organización internacional allea ao territorio recoñeza o valor do traballo desenvolvido desde Teis e o valor intrínseco da propiedade veciñal en man común. Este tipo de colaboracións permiten visibilizar fóra da Galiza iniciativas locais de conservación e supoñen un estímulo para continuar avanzando nunha tarefa que require tempo, coñecemento e compromiso.
O proxecto, á desenvolver nunha superficie de 3 ha nun período dun ano, desde outubro 2026 até outubro 2027, cobra especial relevancia no actual contexto de emerxencia climática e perda acelerada de biodiversidade. Os bosques autóctonos desempeñan un papel fundamental na regulación climática, na captación e almacenamento de carbono, na protección dos solos e dos recursos hídricos e na conservación de numerosas especies. Recuperalos significa aumentar a resiliencia dos ecosistemas, favorecer a paisaxe mosaico, e actuar localmente fronte ao cambio climático e á perda de biodiversidade.
Un dos principais obxectivos será actuar sobre a acacia negra (Acacia melanoxylon), unha especie invasora cunha elevada capacidade de expansión e rexeneración. Segunda a documentación histórica nas décadas dos anos 30, 40 e 50 introducíronse pola administración de forma masiva especies forestais alóctonas, entre elas a acacia negra, co paso das décadas se naturalizou e acabou constituíndo un grave problema ambiental, sen que até agora esa mesma administración fixera un esforzo real para reverter esta situación.
A formación de masas densas desta especie dificulta a rexeneración da vexetación autóctona eliminando progresivamente a biodiversidade. Ademais, o lume pode favorecer a súa recuperación mediante a xerminación das sementes e o rebrote, facilitando a súa expansión tras os incendios. A presenza de masas continuas de vexetación tamén pode contribuír á continuidade da biomasa forestal e favorecer a propagación do lume. Por iso, o control da acacia constitúe igualmente unha actuación de prevención e redución da vulnerabilidade do monte fronte aos incendios forestais.
Sendo os monocultivos desta especie un claro exemplo de propagación de fogos forestais de copa, considerados os mais perigosos.
As actuacións previstas permitirán reducir a presenza desta especie e favorecer unha rexeneración naturalizada do bosque atlántico, recuperando especies propias do territorio e creando ecosistemas máis diversos e resilientes.
Os montes de Teis e o seu contorno están ademais vinculados a diferentes itinerarios e variantes do Camiño de Santiago, polo que son espazos de paso para peregrinos, visitantes e veciñanza. Esta realidade reforza a relevancia social do proxecto e a necesidade de compatibilizar a conservación do realidade reforza a relevancia social do proxecto e a necesidade de compatibilizar a conservación do patrimonio natural e o uso do territorio.
A colaboración con Giving Back to Nature encaixa nesta visión. A fundación apoia iniciativas locais de conservación da biodiversidade, restauración de hábitats e recuperación dos ecosistemas, canalizando recursos cara ás entidades que traballan directamente sobre o territorio e promovendo que parte do valor asociado ao turismo e ao uso dos espazos naturais reverta na súa conservación e nas comunidades.nas comunidades.
Os 20.000 euros concedidos supoñen así un novo impulso a un traballo iniciado hai case trinta anos e un recoñecemento que traspasa o ámbito local. A Comunidade de Montes de Teis considera que este apoio reforza a importancia de seguir traballando desde o territorio pola recuperación do bosque autóctono e pola conservación da biodiversidade.
«Esta axuda supón un recoñecemento a case trinta anos de traballo. É especialmente importante para nós que unha organización de fóra do noso territorio valore o labor que se está facendo desde Teis. Confiando nun modelo de xestión integral da paisaxe sustentábel, participación diversa e transparencia.
A recuperación do bosque autóctono require tempo, coñecemento e compromiso, e esta colaboración permítenos seguir avanzando no control e manexo das especies invasoras e a tan necesaria necesaria recuperación da biodiversidade dos nosos montes», dixo a este xornal dixital transfronteirizo, Eduardo García Crespo.
-fusionado_page-0001.jpg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario