A Xunta de Galicia recupera restos da idade do bronce na Cova Eirós que certifican o seu uso funerario
• Os achados pertencen á campaña arqueolóxica impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Universidade de Santiago, da de Oviedo e da Rovira i Virgili de Tarragona
Infogauda/Triacastela (Lugo)
A campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia na Cova Eirós e na veciña Gruta dos Bloques, no concello lucense de Triacastela, localizou varios restos humanos da Idade do Bronce neste xacemento, o que permite aumentar o seu coñecemento histórico ampliando os períodos de ocupación no enclave e descubrindo o uso das súas cavidades como lugares de enterramento.
Trátase duns traballos realizados no marco do Plan de actuacións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración co grupo do GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, e da Universidade de Oviedo, e que pretenden seguir avanzando na investigación, na conservación e na posta en valor do patrimonio máis senlleiro de Galicia.
Así, grazas ás tarefas de escavación levadas a cabo este verán confirmouse a existencia na cova de ocupacións máis antigas do Paleolítico medio. En concreto, a intervención no novo nivel 5 aportou novos materiais arqueopaleontolóxicos das ocupacións paleolíticas no sector da entrada que axudan a afondar no coñecemento sobre os Neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron esta cova como campamento durante estadías relativamente curtas, por iso é o nivel onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como é o caso de lascas, raspadeiras e os restos da súa manufactura.
Ademais, nas cavidades do Monte Penedo, veciñas a Cova Eirós, descubriuse a presenza dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce, o que certifica o uso funerario destas covas entre o 1.600 e 1.500 a.C. Neste senso, na coñecida como Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos que, tras os estudos antropolóxicos pertinentes, indican que pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos de idade. Asociado aos restos humanos, recuperáronse tamén fragmentos cerámicos decorados que remiten a momentos da Idade do Bronce.
Os achados amosan a importancia das covas para estas comunidades, non só como lugar de hábitat, senón como espazos funerarios, e aportan novos datos para entender a variabilidade das prácticas funerarias na Idade do Bronce no noroeste, nun momento no que noutros lugares de Galicia enterraban en cistas, en pequenos túmulos ou aproveitando antigos monumentos megalíticos.


Ningún comentario:
Publicar un comentario