28 de set. de 2026

TOMIÑO

PSdeG-PSOE DE TOMIÑO ACUSA AO BNG DE XESTIONAR O CONCELLO CON PARCHES INTERMINABLES A BASE DE MENTIRAS E IMPROVISACIÓN  

•  As concelleiras socialistas votan “non” á modificación de Urbaser, ao destapar que o expediente entrou por urxencia in extremis para evitar que a oposición revisase as flagrantes contradicións entre a empresa e o Concello. 

•  O Grupo Municipal Socialista desvela que existen incongruencias graves entre os diferentes informes e que o goberno de Sandra González ignora sistematicamente as recomendacións dos propios técnicos. 

• A voceira Violeta Santiago esixe o novo prego do lixo tras anos de promesas incumpridas: “Ou son uns incompetentes á hora de administrar ou levan anos mentindo á veciñanza cun prego que nunca chega”.  


Mosaico de fotografías relacionadas coa xestión do lixo no concello de Tomiño
Fotos: GMS

Infogauda/Tomiño

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño cargou con total dureza contra a xestión económica e administrativa do goberno do BNG tras o último pleno ordinario, no que as concelleiras socialistas votaron de forma rotunda en contra da modificación urxente do contrato de recollida de lixo con Urbaser. A voceira socialista, Violeta de Santiago, denunciou que o expediente se presentou de forma deliberada "a última hora e a correr" co único obxectivo político de que a oposición non tivese tempo material de fiscalizar a documentación. 

 Ao analizar detidamente o texto, as socialistas destaparon que o documento é unha chapuza sen contrastar entre a empresa, o Concello e os servizos técnicos. O Grupo Municipal Socialista desvela que existen incongruencias graves entre os diferentes informes e que o goberno de Sandra González ignora sistematicamente as recomendacións dos propios técnicos, aprobando o gasto e tramitando un expediente sen as debidas garantías de control de xestión e eficacia do servizo público. 

Anos de prórrogas rozando a ilegalidade 

 O PSdeG-PSOE sinala que "o contrato de Urbaser vén do ano 2008 e leva case dúas décadas sobrevivindo a base de prórrogas e modificacións que están a piques de saír de todas as marxes que permite a lei. De facto, este último incremento de case 60.000 euros anuais supón unha subida do 18% respecto ao prezo orixinal do contrato, rozando de xeito temerario o límite estrito do 20% que fixa a Lei de Contratos do Sector Público para evitar incorrer nun fraude de lei e fuxir dun concurso público aberto". 

 A voceira Violeta de Santiago afeoulle á alcaldesa a súa falta de palabra, lembrando que o PSOE leva anos reclamando a redacción dun novo prego para o lixo adaptado ás necesidades actuais das parroquias de Tomiño. "Cada vez que llo esiximos, a súa resposta sempre é a mesma: que xa están a traballar nel e que está a punto de saír. Despois de tantos anos coa mesma escusa, só quedan dúas opcións: ou son uns auténticos inútiles que non saben administrar un concello moderno, ou levan anos mentindo conscientemente á veciñanza", espetou coa máxima contundencia. 

 Ante o sinalamento directo de ser un auténtico "desgoberno" baseado nun contrato do ano 2008 e en normativas derrogadas do ano 2000, a alcaldesa e o concelleiro de Facenda decidiron non abrir a boca e calar por pura estratexia política para evitar o debate e esconder os seus propios erros. "Dende o Grupo Socialista non imos ser cómplices de parches millonarios a dedo nos despachos. Tomiño merece rigor e transparencia xa", conclúen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario