Tomiño recibe ao compositor Ademar Álvarez tras un verán de reencontros arredor de «Adiós Tomiño»
• O músico doou ao Espazo Isaura Gómez a partitura da obra e outros materiais da súa traxectoria, que pasarán a formar parte da memoria cultural do municipio.
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño vén de recibir ao compositor Ademar Álvarez Álvarez antes do seu regreso á Arxentina, tras un verán no que puido compartir coa veciñanza a historia e a música de «Adiós Tomiño», a peza que compuxo pouco antes de emigrar.
Durante a recepción, Ademar doou unha copia da partitura e outros materiais ao Espazo Isaura Gómez, que os conservará como testemuño da súa traxectoria e dunha obra estreitamente ligada á historia da emigración tomiñesa.
Este verán, o compositor viviu dous reencontros arredor da súa música. O primeiro tivo lugar o 28 de agosto, no concerto de verán da Agrupación Musical de Goián, onde entregou persoalmente unha copia da partitura; o segundo chegou durante as Festas do Alivio, cando se puxo á fronte da Agrupación Musical do Rosal para dirixir a interpretación de «Adiós Tomiño». Foron dúas ocasións para escoitar a obra na terra que lle deu nome e para que o seu autor puidese compartila con novas xeracións de músicos e coa veciñanza.
Nado en Tomiño en 1938, Ademar comezou a estudar música da man do seu irmán Enrique e formou parte da banda Unión Musical de Tomiño. En 1958, antes de partir cara á Arxentina, compuxo «Adiós Tomiño», que a propia banda interpretou nun concerto de despedida. Aquel pasodobre seguiu medrando con el ao outro lado do Atlántico: revisouno durante anos, mentres desenvolvía unha ampla carreira como instrumentista, compositor e director, ata estrear a súa versión definitiva en 1983 en Bos Aires. Desde entón, a peza foi interpretada por numerosas bandas dentro e fóra de Galicia.
A alcaldesa, Sandra González, destacou o significado da visita: «Ademar escribiu “Adiós Tomiño” para despedirse da súa terra e, tantos anos despois, a peza segue soando da man de numerosas bandas galegas. Foi unha alegría velo entregar a partitura á Agrupación Musical de Goián e dirixir el mesmo a obra durante as festas. Tomiño é a súa casa e agradecémoslle que siga levando o seu nome consigo alá onde vai».

Ningún comentario:
Publicar un comentario