29 de set. de 2026

TOMIÑO

A recollida porta a porta de biorresiduos arranca con 24 establecementos adheridos   

•  O servizo comezará o 1 de outubro, con tres recollidas semanais. O Concello estima que esta nova recollida permitirá evitar o envío a Sogama de arredor de 400 toneladas de biorresiduos.  


O Concello de Tomiño presentou hoxe a posta en marcha do servizo de recollida porta a porta de biorresiduos para produtores singulares
Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño 

 O Concello de Tomiño presentou hoxe a posta en marcha do servizo de recollida porta a porta de biorresiduos para produtores singulares, que arranca coa participación de 24 establecementos. Serán os primeiros en empregar este novo sistema e veñen de recibir un selo que os identifica como establecementos colaboradores. Con este distintivo, o Concello quere recoñecer aos negocios e entidades que decidiron situarse á vangarda e dar o primeiro paso cara a unha xestión máis responsable da materia orgánica, á que agarda que se sumen progresivamente máis participantes. 

 O servizo forma parte do Grilo Verde, o novo modelo municipal de residuos, e ofrece unha solución aos establecementos que xeran unha cantidade importante de materia orgánica e non poden tratala mediante compostaxe individual ou comunitaria. Este mércores, persoal técnico municipal e da empresa concesionaria comezará a visitar os establecementos adheridos para entregarlles os medios necesarios, explicar o funcionamento da recollida e resolver as súas dúbidas. 

 Segundo as estimacións municipais, a posta en marcha e extensión desta recollida podería evitar que arredor de 400 toneladas de biorresiduos se envíen a Sogama. Separar esta materia orgánica permitiría aforrar diñeiro no seu tratamento como residuos convencionais e reducir as emisións de CO₂ nunha cantidade estimada de 85 toneladas anuais.  

 A alcaldesa, Sandra González, agradeceu a implicación dos primeiros participantes «Con esta recollida continuamos avanzando no compromiso de Tomiño cunha xestión dos residuos máis responsable. Estes 24 establecementos decidiron dar o paso e colaborar nun servizo que nos permitirá aproveitar a materia orgánica, reducir o que enviamos a Sogama e conseguir un aforro económico no tratamento dos residuos. Queremos que este selo faga visible o seu compromiso e anime a máis negocios e entidades a sumarse». 

 O servizo comezará a funcionar o 1 de outubro, con tres recollidas semanais. Para levalas a cabo, o Concello incorporou un camión específico adquirido co apoio dunha subvención da Xunta de Galicia financiada con fondos europeos Next Generation. O vehículo permite identificar os colectores de cada establecemento e rexistrar as entregas para facer un seguimento dos biorresiduos recollidos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario