Oia mellora a iluminación do Camiño de Santiago e accesos ao Mosteiro con fondos europeos
Infogauda/Oia
O Concello de Oia culminou no mes de xuño dúas actuacións decisivas para o municipio: a modernización da iluminación do Camiño Portugués da Costa e dos accesos ao Mosteiro de Santa María de Oia. Son dúas intervencións diferentes pero complementarias, que forman parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino – PSTD Oia Natural, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo no marco do Plan Nacional Xacobeo e dos fondos europeos NextGenerationEU. Desde a súa posta en marcha, peregrinos, turistas e veciños xa están a desfrutar dun espazo máis seguro, máis coidado e máis acorde coa identidade de Oia.
A renovación da iluminación do Camiño da Costa, cun investimento de 123.000 euros, supuxo unha aposta clara por dignificar unha das rutas máis emblemáticas do municipio. As luminarias obsoletas e deterioradas foron substituídas por equipos LED de alta eficiencia, garantindo unha iluminación moderna, estable e plenamente adaptada ás necesidades actuais. Esta mellora non é só unha intervención material, é unha decisión que reforza a calidade da acollida aos peregrinos, que protexe a paisaxe e que consolida o Camiño como eixo vertebrador do territorio.
En paralelo, o Concello completou a modernización da iluminación dos accesos ao Mosteiro de Santa María de Oia, cun investimento de 18.076,27 euros, unha actuación imprescindible para preservar un Ben de Interese Cultural que é símbolo patrimonial do municipio.
Con estas dúas actuacións, o Concello de Oia avanza nun modelo de xestión pública que combina conservación do patrimonio, sustentabilidade e mellora da vida diaria da veciñanza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario