18 de set. de 2026

TOMIÑO

O Espazo Isaura Gómez cumpre un ano convertido no corazón cultural e social de Tomiño    

Máis de 1.500 persoas usuarias, centos de actividades e unha intensa vida diaria consolidan a aposta do Concello por un equipamento público no que conviven cultura, formación, memoria e participación veciñal.  


O escritor e xornalista Manuel Rivas, coa alcaldesa do Tomiño, Sandra González, e o concelleiro Uxío Benítez, na data da inauguración o 20 de setembro de 2025, do Espazo Isaura Gómez

Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño

 O Espazo Isaura Gómez cumpre este domingo, 20 de setembro, o seu primeiro ano de vida. Doce meses despois da súa inauguración, o edificio consolidouse como un dos grandes puntos de encontro de Tomiño e como un lugar de referencia para a lectura, o estudo, a formación, a cultura e a convivencia. 

 O novo equipamento abriu as súas portas o 20 de setembro de 2025 tras un proceso no que participaron máis de 300 veciños e veciñas. Cun investimento de 2,4 millóns de euros, o edificio reúne a biblioteca municipal, o Arquivo Municipal, a Aula CeMIT, o servizo de Atención Temperá e diferentes espazos de uso compartido. 

 Para a alcaldesa, Sandra González, o Espazo Isaura Gómez é tamén o resultado dunha aposta política clara por dotar Tomiño de equipamentos públicos de calidade. “Quixemos construír un espazo aberto, accesible e pensado para a vida diaria da veciñanza. Un lugar no que todas as persoas, con independencia da súa idade ou situación, teñan acceso á cultura, á formación e a novas oportunidades”, salienta. 

 Durante este primeiro ano, a biblioteca superou as 1.500 persoas usuarias e máis de 700 escolares visitaron as instalacións. Presentacións literarias, exposicións, club de lectura, contacontos, obradoiros e encontros conviviron coa actividade diaria de estudantes, opositores e opositoras, familias e persoas de todas as idades. 

 O edificio mantén tamén viva a memoria da muller que lle dá nome. Ao longo destes meses, familiares de Isaura Gómez, entre eles netos, netas, bisnetos e bisnetas, visitaron o espazo e puideron coñecer de primeira man como o seu legado permanece ligado á vida cultural de Tomiño. A biblioteca conserva, ademais, diferentes obxectos persoais cedidos pola familia, como as súas gafas, fotografías e manuscritos. 

 “É especialmente emocionante que a súa familia poida ver como o nome e os valores de Isaura continúan vivos nun lugar cheo de xente, de libros, de aprendizaxes e de futuro”, destaca a alcaldesa. “Isaura representa a liberdade, a igualdade, a dignidade e o acceso á cultura, valores que queremos seguir defendendo desde o público”. 

 Un ano despois, o Espazo Isaura Gómez é xa moito máis ca unha biblioteca. É un lugar no que a rapazada descobre novas historias, o alumnado prepara os seus exames, as familias participan nas actividades e persoas de todas as idades se forman, investigan ou comparten tempo. 

 “Este espazo foi da veciñanza mesmo antes de abrir as súas portas. Agora queremos que continúe medrando así: coa xente vindo, participando, propoñendo e enchendo cada recuncho de vida”, conclúe Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario