18 de set. de 2026

O ROSAL

O Rosal crea rede arredor da maternidade e a paternidade co Espazo Crianza   

Aberta a inscrición para participar nunha nova edición deste servizo gratuíto de acompañamento a embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses  




Infogauda/O Rosal

 A chegada dun bebé transforma rutinas, esperta emocións e abre tamén unha etapa chea de preguntas. Para que as familias poidan vivila acompañadas, con información e cunha rede coa que compartir experiencias, o Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición de Espazo Crianza, o seu servizo gratuíto de apoio durante o embarazo e os primeiros meses de vida dos nenos e nenas. 

 Xa está aberta a inscrición para participar neste programa, dirixido tanto a mulleres embarazadas como a familias con bebés de 0 a 6 meses. As sesións comezarán en outubro e prolongaranse ata xuño, combinando contidos teóricos con dinámicas prácticas adaptadas ás necesidades e inquietudes das persoas participantes. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que “a maternidade e a paternidade supoñen un cambio enorme e queremos que as familias do Rosal conten cun espazo próximo no que sentirse acompañadas. Espazo Crianza ofrece información e ferramentas, pero tamén algo moi importante nesta etapa: a posibilidade de compartir dúbidas e experiencias con outras persoas que están vivindo procesos similares e ir creando unha rede de apoio”. 

 O programa acompañará ás familias desde antes do nacemento. O grupo para embarazadas permitirá ás futuras nais prepararse para vivir o embarazo e o parto dun xeito consciente, coñecendo os cambios físicos e psicolóxicos propios desta etapa e traballando cuestións como as posturas para aliviar a dor ou diferentes técnicas de preparación para o parto e o posparto. 

 Tras o nacemento, Espazo Crianza continuará ofrecendo apoio ás familias durante os primeiros seis meses de vida do bebé. As sesións abordarán aspectos fundamentais do día a día como os cribados, os hábitos hixiénicos, a alimentación ou a estimulación para o desenvolvemento, promovendo unha crianza respectuosa e ofrecendo recursos para comprender mellor as necesidades dos pequenos e pequenas. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, destaca que “unha das fortalezas de Espazo Crianza é precisamente que non se limita a transmitir coñecementos. É un lugar no que preguntar, falar con liberdade e compartir o que nos preocupa sen sentirnos xulgadas ou xulgados, sempre contando con acompañamento profesional”. 

Sesións abertas á rede de crianza 

 A experiencia da pasada edición permitiu, ademais, ampliar esa rede máis alá das nais e pais participantes no programa. Ao longo do curso organizáronse algunhas sesións abertas nas que participaron tamén familiares e outras persoas coidadoras que forman parte do día a día dos bebés, así como familias rosaleiras que non estaban inscritas no Espazo Crianza. Unha proposta que tivo unha moi boa acollida e que permitiu compartir coñecementos e ferramentas con todas aquelas persoas que teñen un papel activo na crianza e na conciliación. 

 Rodríguez salienta que “a crianza non recae unicamente nas nais e nos pais. Avoas, avós e outras persoas da contorna familiar forman parte moitas veces desa rede imprescindible que permite conciliar e acompañar aos nenos e nenas nos seus primeiros meses de vida. A boa resposta que tiveron estas sesións abertas demostrounos o interese e a necesidade de facer partícipe tamén a esa rede, porque canto máis formada, acompañada e coordinada estea, mellor será para toda a familia”

 As actividades desenvolveranse buscando facilitar ao máximo a participación. Por este motivo, unha vez pechada a inscrición, o día e o horario das sesións estableceranse de forma consensuada coas persoas inscritas. 

 As familias interesadas poden chamar ao Concello ao 986 625 000 ou cubrir o formulario de solicitude dispoñible na web do Concello do Rosal e presentalo a través do Rexistro municipal ou remitilo ao correo electrónico educacionfamiliar@orosal.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario