29 de set. de 2026

MAR

Os socialistas solicítanlle ao Goberno un reforzo do seguimento dos bancos marisqueiros en colaboración coas comunidades e o estudo de medidas de apoio ao sector   

● O senador Manuel Mirás defendeu na Comisión de Pesca da Cámara Alta que se siga avanzando na investigación científica “para coñecer mellor o estado dos recursos e que así as Administracións poidan adoitar mellores decisións traballando cos profesionais”  


Manuel Mirás Franqueira, senador do Grupo Parlamentario Socialista
Foto: GPS

Infogauda/Madrid

 O senador do PSdeG-PSOE Manuel Mirás defendeu onte na Comisión de Pesca do Senado unha iniciativa a través da que o Grupo Socialista lle solicita ao Goberno que siga reforzando, a través do Instituto Español de Oceanografía e en colaboración coas institucións científicas competentes, o seguimento dos bivalvos comerciais e outras especies de interese para o marisqueo artesanal. Mirás defendeu que, ademais, o Executivo promova, en colaboración coas comunidades autónomas, as confrarías, o sector e a comunidade científica, mecanismos estables de transferencia de resultados das campañas e mostreos, así como plans de xestión adaptativa.  

 O parlamentario socialista recordou que, cando se fala de marisqueo, fálase “de emprego, familias, lonxas, pequenos comercializadores, de actividade económica e du xeito de vida fondamente vinculado ao territorio”, polo que, cando diminúen os recursos, “non só se trata dun problema biolóxico, senón tamén de carácter social”, e “sustentabilidade embiental e económica non están enfrontadas”. Por iso , demandou que o Goberno estude tamén, no marco da normativa europea e nacional, posibles medidas de acompañamento e apoio ao sector marisqueiro e á pesca artesanal en momentos de peches temporais, vedas ou limitación de actividade por causas ambientais, sanitarias ou de conservación.  

 Con todo, salientou que esas respostas deben partir do coñecemento, “de saber que ocorre”, e por iso chamou a prestar especial atención ao estudo dos factores que na actualidade están modificando as condicións do medio mariño, “tal como están percibindo moitos profesionais”. “Hai que seguir reforzando a investigación, como xa está facendo o Goberno”, insistiu.  

 “Nós propoñemos que Administracións, sectore e comunidade científica traballen conxuntamente. A ciencia achega datos e análise; os profesionais, coñecemento e experiencia, e as Administracións deben adoitar as decisións axeitadas”, destacou. “O que defendemos é unha sustentabilidade ambiental, económica e social”, concluíu.  

Pesca de fondo  

 A Comisión de Pesca tamén debateu hoxe sobre as restricións, por parte da Unión Europea, ás artes de fondo en 87 zonas do Atlántico nororiental. O Grupo Socialista sinalou que o Goberno vén defendendo que es medidas de protección sexan proporcionadas ao impacto de cada arte. Recordou que en 2022 o Executivo xa solicitou a suspensión e revisión inmediata desa medida sobre a base da información científica dispoñible.  

 Esas xestións permitiron que a flota española puidese manter a actividade en 41 desas 87 áreas, unha modificación que respondeu ao traballo do Goberno xunto co sector. Por outra banda, o Executivo reiterou este mesmo ano a petición de revisión do regulamento de 2022, por desproporcionado, para que se teñen en conta non só os obxectivos de conservación, senón as repercusións económicas.   

 “En poucos temas se terá implicado tanto un ministerio”, apuntaron desde o Grupo Parlamentario Socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario