O clube de fútbol gaélico do Baixo Miño busca novas xogadoras para reforzar a equipa feminina e traballa na creación dunha equipa masculina
Gróvias Fútbol Gaélico/Baixo Miño
Gróvias Fútbol Gaélico afronta unha nova tempada con ilusión e novos retos. Despois dunha campaña 2025-2026 na que a equipa feminina se proclamou campioa da Liga Galega, o clube inicia un novo curso co obxectivo de consolidarse como unha das equipas máis destacadas do fútbol gaélico galego e continuar medrando tanto dentro como fóra do campo.
Para afrontar esta nova tempada, Gróvias busca novas xogadoras que queiran incorporarse á equipa feminina. Non é necesario ter experiencia previa neste deporte, polo que o clube anima a todas aquelas persoas con curiosidade por coñecelo a achegarse a algún dos adestramentos e probar sen compromiso.
Ao mesmo tempo, unha das grandes novidades desta tempada é o proxecto para poñer en marcha unha equipa masculina de fútbol gaélico no Baixo Miño. O clube está actualmente buscando xogadores para formar o grupo e poder competir nesta disciplina, polo que fai un chamamento a todos aqueles homes interesados en practicar un deporte de equipa diferente, dinámico e moi completo.
Os adestramentos teñen lugar os luns ás 20:00 horas no campo do Regatiño, en Goián, e os mércores ás 20:00 horas no campo da Sangriña, na Guarda. Poden participar tanto mulleres como homes a partir dos 14 anos e non é preciso ter coñecementos previos de fútbol gaélico.
Que é o fútbol gaélico?
O fútbol gaélico é un deporte de orixe irlandesa que combina elementos de diferentes deportes de balón e no que se xoga tanto coas mans como cos pés. É unha disciplina moi dinámica, na que se suceden continuamente carreiras, pases, golpeos e lanzamentos.
O obxectivo é conseguir puntos nunha portería formada por dous postes altos cunha portería de fútbol na súa parte inferior. Introducir o balón na rede supón tres puntos, mentres que facelo pasar por riba do traveseiro e entre os dous postes supón un punto.
Gróvias anima a todas as persoas interesadas en coñecer este deporte a achegarse aos adestramentos e descubrir unha disciplina que continúa medrando no Baixo Miño e no conxunto de Galiza.

Ningún comentario:
Publicar un comentario