BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés volve saber sufrir para levarse os dous puntos (24-26)
• O equipo baixomiñoto volveu dalo todo e a aguantar o tipo para levarse a vitoria nun partido moi físico en casa do Zonzamas Lanzarote
• As de Prades dominaron o marcador durante todo o encontro, aínda que en ningún momento con facilidade. Na segunda parte deberon apertar máis para aguantar as agresións dun equipo local esixente
• Rosane Serrano volveu golear con sete tantos e tamén foron cruciais os extremos de Aintzane García (5) e Ania Ramos (4)
Redacción Deportes/San Bartolomé (Lanzarote)
O Atlético Guardés volveu ter que sufrir este martes nun encontro físico e infestado de imprecisións en casa do Zonzamas. As de José Ignacio Prades aguantaron os 60 minutos ante un anfitrión esixente, que estivo a piques de dar a volta ao marcador durante unha segunda metade moi igualada, pero tiraron de experiencia para levarse de novo os dous puntos e seguir líderes nesta cuarta xornada.
O encontro comezou con liderado baixomiñoto, coas visitantes asestando un 1-4 nos minutos iniciais a base de provocar o pasivo na práctica totalidade dos ataques canarios e forzar catro perdas case consecutivas (min. 4).
Nos instantes seguintes a tónica continuou, aínda que subindo de intensidade: as de Sergio Hernández empezaron a responder e a pecharse no plano defensivo. En resposta, o Atlético Guardés tivo serios problemas para desbloquear o seu ataque, tendo que forzar varios lanzamentos como última opción e, da man dunha Gleinys Reyes que acumulaba xa catro acertos desde os sete metros, o Zonzamas puido empatar por primeira vez desde o asubío inicial (8-8, min. 20).
Prades chamou ao tempo morto para tratar de salvar os mobles. As súas palabras afectaron no persoal e púidose evitar que as locais se puxesen por diante cun 0-3 transformado por Nerea Gil e Aintzane García, para devolver o encontro á súa tinguidura guardesa inicial (8-11, min. 23). As locais, con todo, non baixaron os brazos, animadas por un municipal de San Bartolomé con moita afluencia e moi activo, forzando o 10-12 ao descanso (min. 30).
A segunda metade viu máis problemas nas filas guardesas. A ofensiva continuaba máis ben bloqueada, con case todas as súas propostas levadas ao pasivo e finalizadas con pouca definición. A nivel defensivo, o reto foi facer fronte a unha agresividade local crecente, e tampouco se puideron aproveitar as de Prades das numerosas superioridades provocadas polas exclusións.
Aos poucos, as insulars continuaron crecendo e impoñendo a igualdade. No minuto 52, María Palomo volvía ter que evitar o empate coa súa cuarta recuperación, transformada agora por unha Ania Ramos inevitable nos seis metros. Ao Atlético Guardés tocoulle sufrir nun epílogo interminable, pelexando cada balón e celebrando cada mínima acción conseguida; aínda que tirou de experiencia para aguantar os golpes e non ceder ante un Zonzamas máis desesperado. O final volveu ser de ton branquivermello, coa última falta lanzada por Madalena Masseu sen nada que dicir ante o 24-26 definitivo (final).
José Ignacio Prades: “Ás veces tamén se pode sacar puntos cando as cousas non van ben, temos que seguir mellorando e aprendendo”
“Sabiamos que ía ser un partido complicado e difícil, entre semana e con viaxe no mesmo día, e todo suma. É certo que entramos ben ao partido pero eu creo que cometemos demasiados erros, non soubemos ler ben na defensa de Zonzamas, e en canto non estivemos ben en ataque defensivamente cometemos tamén erros que habitualmente cometemos menos. Ao final, todo iguálase: Zonzamas como dixemos na previa ten un bo equipo e están a xogar moi ben, na súa pista apertan moitísimo.
Na segunda metade é certo que por momentos parecía que podiamos distanciarnos un pouco pero ao final o que perdoa demasiado a acaba pagando. Desperdiciamos unha renda moi boa de catro goles e finalmente metéronse no partido e tivemos que sufrir hasta o final. Ás veces tamén se pode sacar puntos cando as cousas non van ben e temos que seguir mellorando e aprendendo”, dixo José Ignacio Prades.
Zonzamas Plus Car Lanzarote (10+14): Brenda Roger (2), Ingrid Roger, Vitoria Cardoso (1), Gleinys Reyes (8), Maria Monllor (4), Cecilia Colmenero (1), Alicia Robles (p.), Luna Vonzina (1), Paola Santos (p.), Yasmin Fernandes, Queralt Fornt, Claudia Kaulback, Madalena Masseu (2), Marilia Correia (2), Zaliata Mlamali (2) e Malena Guerisoli (1).
Balonmán Atlético Guardés (12+14): Sabina Mínguez (p.), Silvia Leiras, Blazka Hauptman (1), Aintzane García (5), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (3), Rosane Serrano (7), Cristina Cifuentes, Carme Castro (1), Daniela García, Nerea Gil (2), Ania Ramos (4), Noelia Solla e Ana Marín (p.).
Marcador cada cinco minutos: 1-2, 2-4, 3-5, 8-8, 9-12, 10-12, 13-15, 14-19, 18-20, 20-22, 22-24, 24-26.
Árbitras: María Sánchez e Eva Sánchez. Amoestaron con tarxeta amarela aos locais Maria Monllor e Joaquín Barreto (oficial) e aos visitantes Noelia Solla e José Ignacio Prades (adestrador) e excluíron con dous minutos ás locais Marilia Correia, Queralt Fornt, Brenda Roger, Zaliata Mlamali (2) e Madalena Masseu e ás visitantes Carme Castro e María Palomo (2).
Incidencias: Partido de cuarta xornada da liga Guerreiras Iberdrola, disputado no polideportivo municipal de San Bartolomé (Lanzarote) e adiantado por coincidencia coa competición europea para o equipo visitante.

Ningún comentario:
Publicar un comentario