9 de set. de 2026

CULTURA

Anxo M. Lorenzo agradece a cesión por parte do Estado ao Museo de Belas Artes dunha táboa flamenga “que enriquece a súa colección e prestixia a institución” 

O centro galego convértese así nun dos destinos aos que se asignaron as 60 obras localizadas a través da ‘Operación Altarpiece’ en distintas cidades italianas


O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo no acto de entrega por parte do Ministerio de Cultura ao Museo de Belas Artes da Coruña dunha táboa flamenga do século XVI da Virxe co Neno, Santa Ana e San Xosé, recuperada do tráfico ilícito
Fotos: XG
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, coa directora xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura, Ángeles Albert de León; un membro do Museo de Belas Artes da Coruña e un efectivo da Garda Civil

Infogauda/A Coruña

 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, participaron hoxe no acto de entrega por parte do Ministerio de Cultura ao Museo de Belas Artes da Coruña dunha táboa flamenga do século XVI da Virxe co Neno, Santa Ana e San Xosé, recuperada do tráfico ilícito.  

 No acto, no que tamén participou a directora xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do Ministerio de Cultura, Ángeles Albert de León, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu a decisión do Estado de “incorporar esta peza ao patrimonio custodiado en Galicia e, polo tanto, de enriquecer a colección permanente desta institución, contribuíndo así ao seu prestixio”.  

 Cómpre lembrar que a peza que se pode visitar xa en Galicia foi recuperada na Operación Altarpiece, desenvolvida conxuntamente polo Ministerio de Cultura, a Garda Civil e os Carabinieri italianos. Os bens, entre os que se atopaban táboas renacentistas ou creacións atribuídas a Amadeo Modigliani ou Brueghel, procedían dunha vila situada en Marbella (Málaga). As pezas foron exportadas ilegalmente a Italia sen os permisos necesarios, algún deles denegado anteriormente, debido ao valor que tiñan para o patrimonio histórico español.  

 A colaboración entre as institucións de ambos os países permitiu localizar os bens en galerías de arte e domicilios particulares en diversas cidades italianas, así como rastrexar o destino doutros que xa foran vendidos e exportados desde Italia a outros países.  

 Os bens, que desde o momento en que son exportados ilegalmente pasan a formar parte do patrimonio cultural do Estado, foron asignados polo Ministerio de Cultura a museos estatais situados en diferentes cidades: o Museo de León, o Museo de Málaga, o Museo de Belas Artes de Valencia, o Museo Nacional de Escultura de Valladolid, así como o Museo Reina Sofía, o Museo Nacional de Antropoloxía e o Museo Nacional de Artes Decorativas, estes últimos situados en Madrid.  

Unha táboa atribuída á escola de Amberes 

 Tras a recuperación dos bens, a táboa da Virxe co Neno, Santa Ana e San Xosé foi adscrita ao Museo de Belas Artes da Coruña na 97ª reunión do Consello de Patrimonio Histórico, celebrada en Roma en outubro de 2025. Neste órgano colexiado participan todas as persoas responsables en materia de patrimonio cultural das comunidades autónomas e do Estado.  

 A peza, atribuída a un pintor flamengo anónimo, probablemente da escola de Amberes, foi realizada a principios do século XVI e destaca polo seu bo estado de conservación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario