A Xunta de Galicia destaca o Plan de Economía Social de Baiona como ferramenta clave para fortalecer o desenvolvemento económico do municipio
• A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participou hoxe na xornada de presentación do documento, que recolle a diagnose, as principais liñas estratéxicas e as actuacións prioritarias para fomentar este modelo económico no concello
Infogauda/Baiona
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe a xornada de presentación do Plan Local de Economía Social de Baiona, que recolle a diagnose, as principais liñas estratéxicas e as actuacións prioritarias para fomentar este modelo económico no municipio.
A iniciativa enmárcase no proxecto piloto promovido pola Xunta para acompañar os concellos galegos na elaboración de plans locais de economía social, coa finalidade de identificar as oportunidades de cada territorio e definir medidas adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.
Neste sentido, Marta Mariño puxo en valor a importancia de que os municipios dispoñan de ferramentas propias para dinamizar a economía social, aproveitando os recursos, capacidades e oportunidades existentes en cada territorio. Ademais, salientou o carácter participativo do proceso desenvolvido en Baiona, no que se contou coas achegas de entidades sociais, cooperativas, asociacións, empresas, persoas emprendedoras e outros axentes relevantes da contorna.
O Plan Local de Economía Social de Baiona constitúe así unha folla de ruta para avanzar na consolidación destas fórmulas de negocio, a través do impulso ao emprendemento colectivo, da creación e consolidación de emprego estable e do fortalecemento do tecido produtivo de Baiona. O documento está aliñado coa Estratexia galega de economía social horizonte 2027 e coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, reforzando desde o local as políticas da Xunta destinadas a favorecer un desenvolvemento económico equilibrado e conectado coas capacidades existentes en cada territorio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario