O BNG da Guarda acusa ao alcalde de desatender os problemas da veciñanza que tapa con propaganda
Anxo Lois Baz (BNG): Roberto Carrero atribúese fondos doutras administracións que xa estaban concedidos antes de chegar á alcaldía
Infogauda/A Guarda
O portavoz do BNG na Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, acusou hoxe ao alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, de "ignorar os problemas reais da veciñanza" e de desatender as necesidades máis básicas dos habitantes do municipio. Segundo o Bloque, o rexedor amosa unha "total incapacidade" para xestionar o día a día da vila, mentres se centra en exclusiva nunha estratexia de propaganda.
Anxo Lois Baz sinalou o evidente deterioro dos servizos públicos, denunciando que as rúas da Guarda están "cada vez máis sucias, cheas de fochancas e sen papeleiras". Para o portavoz nacionalista, esta falta de xestión diaria convive cunha ausencia absoluta de plans a longo prazo: “Roberto Carrero carece de proxectos de futuro. En todo o mandato foi incapaz de dar un só paso para ofrecer terreos á Xunta destinados á construción de vivenda pública, o auditorio, o centro de día ou o tan anunciado CIS, mentres a veciñanza permanece abandonada nos seus problemas”.
O nacionalista foi especialmente duro respecto á recente presentación dos orzamentos municipais. Baz recriminou ao alcalde que intente "disimular a súa ineficacia" atribuíndose de xeito "fraudulento" a captación "de case 4 millóns de euros procedentes doutras administracións cando en realidade son fondos que xa estaban concedidos antes de que Carrero chegase á alcaldía", matizou.

Ningún comentario:
Publicar un comentario