O PSOE da Guarda presenta 14 alegacións ao novo proxecto de transporte público para mellorar horarios, capacidade e conexións
• As/oas socialistas guardeses propoñen cambios concretos para que o novo servizo responda mellor ás necesidades reais da veciñanza.
Infogauda/A Guarda
A Agrupación Socialista da Guarda presentou a pasada semana 14 alegacións ao novo Proxecto de Explotación XG859 de transporte público, actualmente sometido a información pública pola Xunta de Galicia, despois de analizar polo miúdo as rutas, horarios e expedicións previstas para o municipio.
As alegacións dan continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos meses polo PSdeG-PSOE no ámbito do transporte público do Baixo Miño, que incluíu unha enquisa a nivel comarcal e a presentación de iniciativas nos concellos para trasladar á Xunta as principais necesidades detectadas polas persoas usuarias.
Entre as principais propostas, o PSOE da Guarda pide máis capacidade nos autobuses que presentan problemas de saturación; máis servizos semidirectos a Vigo tamén fóra das primeiras horas da mañá e durante as fins de semana; mellores conexións cos hospitais e co CUVI; máis opcións para Camposancos e unha mellor conexión coa veciña O Rosal. Tamén se solicita mellorar a información ás persoas usuarias; garantir a accesibilidade e que se poda facer un seguimento do funcionamento do novo servizo para poder introducir cambios cando sexa necesario e non tendo que esperar á finalización dos contratos.
As e os socialistas consideran importante aproveitar a nova concesión para corrixir problemas que as persoas usuarias veñen trasladando desde hai tempo, especialmente a falta de capacidade nalgunhas expedicións e a necesidade de contar con horarios que se adapten mellor ás necesidades laborais, sanitarias e educativas.
Desde a Agrupación Socialista da Guarda sinalan que o obxectivo é que a nova concesión se traduza nun transporte público máis útil, máis fiable e mellor adaptado ao día a día da veciñanza, tanto para desprazarse a Vigo como para moverse dentro do Baixo Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario