19 de ago. de 2026

TUI

O Paseo Fluvial acollerá o XXXI Festival de Bandas de Música 

 Este venres, 21 de agosto, ás 21:00 horas.  Actuarán as agrupacións de Salcedo e de Tui 


O XXXI Festival de Bandas de Música de Tui, un evento xa tradicional no verán tudense que este ano terá lugar no Paseo Fluvial

Foto: CT

Infogauda/Tui

 Este venres, 21 de agosto, ás 21:00 horas celebrarase o XXXI Festival de Bandas de Música de Tui, un evento xa tradicional no verán tudense que este ano terá lugar no Paseo Fluvial. A Banda de Música de Salcedo, e a Banda de Música Popular de Tui, anfitrioa e organizadora, serán as encargadas do concerto. Previamente as dúas agrupacións farán un pasarrúas por diferentes punto da cidade.  

 A Banda de Música de Salcedo, fundada en 1988 por iniciativa da Asociación Músico-Cultural San Martiño, realizando a súa presentación oficial en novembro de 1989, baixo a dirección de José Bugallo Senra. Conta tamén con Escola de Música na que se forman novas xeración de músicos. José R. Pascual Villaplana e Franco Cesarini foron dous dos directores e directores convidados que nestes anos teñen levado a batuta da banda.  Neste tempo lograron distintos galardóns coma o Primeiro Premio no X Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra.  Actualmente tanto a Banda de Música de Salcedo, como a súa Banda Xuvenil,  están dirixidas polo mestre Alfredo Sánchez Seara.  

 Este venres interpretarán Bagaxes, pasodobre de Carlos Rodríguez Torres; Danzas Armenias, de Alfred Reed; Troll Dance, de Thomas Doss; Mix de Juan Luis Guerra, con arranxos de Manuel Paino, e Fin de Festa, de Alejandro García Pacheco.  

 A Banda de Música Popular de Tui conta cunha longa traxectoria estando actualmente nun proceso de crecemento e renovación. A agrupación tudense conta con instalacións propias en Guillarei, onde ten a súa sede a súa Escola de Música creada en 2022. Ao ano seguinte reforzando a súa aposta pola formación creou a Banda Xuvenil.  

 Este venres, baixo a dirección do mestre Eloy Carrera Bernárdez ofrecerán un programa integrado por Enrique López, Danzón n.º 2, Palindromia Flamenca e Mecano. E como adoita facer nas últimas edición do festival ao longo do concerto haberá tamén algunha sorpresa.  

 O XXXI Festival de Bandas de Música forma parte da programación cultural do verán do Concello de Tui.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario