21 de ago. de 2026

TOMIÑO

Tomiño saca a poxa a madeira de 13 parcelas procedentes de expedientes de limpieza de fincas  

 O lote, cun prezo de saída de 13.222,97 euros, inclúe piñeiros, eucaliptos e acacias de terreos situados en sete parroquias do municipio.  


Desde o Concello insístese na importancia de manter as parcelas nas condicións establecidas pola normativa e de atender os requirimentos municipais, contribuíndo entre todos e todas á prevención dos incendios e á protección dos núcleos de poboación
Foto: CT

Infogauda/Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de sacar a poxa pública a madeira procedente de 13 parcelas nas que foi necesario actuar ante o incumprimento das obrigas da limpeza de fincas por parte das persoas responsables dos terreos. O lote sae cun importe inicial de 13.222,97 euros e as empresas e persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de setembro.  

 A madeira procede de parcelas situadas nas parroquias de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra, Forcadela, Pinzás, Goián e Sobrada e está composta principalmente por piñeiros, eucaliptos e acacias. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que “a xestión da biomasa é unha cuestión de responsabilidade individual, pero tamén de seguridade colectiva. O Concello está facendo un importante esforzo de control, seguimento e actuación para que as parcelas se manteñan nas condicións adecuadas e reducir ao máximo o risco de incendios”. 

 As 13 parcelas están vinculadas a expedientes tramitados polo Concello por incumprimentos das obrigas de limpeza e xestión da biomasa establecidas tanto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como na Ordenanza municipal de xestión da biomasa. 

 González lembra ademais que “o primeiro obxectivo é sempre que sexan as propias persoas responsables dos terreos as que cumpran coas súas obrigas. Cando isto non acontece, o Concello ten que actuar, porque detrás de cada expediente hai unha cuestión fundamental: protexer as persoas, as vivendas e o noso territorio”. 

 Desde o Concello insístese na importancia de manter as parcelas nas condicións establecidas pola normativa e de atender os requirimentos municipais, contribuíndo entre todos e todas á prevención dos incendios e á protección dos núcleos de poboación.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario