24 de ago. de 2026

MAR

A Xunta de Galicia e Agalcari asinan un convenio que procura fomentar e recuperar a carpintería de Ribeira en Galicia 

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da entidade, Ramón Collazo, formalizaron hoxe un acordo dotado con 30.000 € para financiar accións de posta en valor do oficio e do patrimonio marítimo tradicional


A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), Ramón Collazo, no momento de asinar o convenio de colaboración 

Foto: XG

Infogauda/Galicia

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), Ramón Collazo, asinaron un convenio de colaboración para dinamizar, fomentar e recuperar a actividade da carpintería de ribeira e o patrimonio marítimo flotante galego ao longo do ano 2026. A través deste acordo, a Xunta achega 30.000 euros para apoiar ao sector nunha dobre vertente: a salvagarda da súa compoñente patrimonial e cultural —recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial— e o impulso da súa competitividade económica e tecnolóxica.  

 Villaverde puxo en valor o papel que desenvolve Agalcari, entidade que agrupa ao 98 % das carpinterías de ribeira activas na comunidade e que sustenta arredor de 600 empregos directos e indirectos. A conselleira do Mar salientou a importancia de defender un oficio cun gran arraigo histórico que hoxe aposta pola modernización, as técnicas combinadas e a madeira como material sostible, eficiente e ecolóxico na construción naval.  

 Entre as principais actuacións financiadas ao abeiro do convenio destaca a execución da terceira fase do proxecto divulgativo Proceso construtivo dun barco de madeira, así como a organización dunha xornada técnica orientada á aplicación de novas técnicas combinadas no sector.  

 Así mesmo, o acordo contempla a reimpresión e reedición de obras técnicas de referencia para a formación e preservación do coñecemento tradicional, tales como Construción Naval en Madeira: do concepto ao gálibo, o Manual de novas técnicas combinadas na carpintaría de ribeira e O Sancosmeiro. A estas iniciativas súmase a participación en eventos especializados en patrimonio marítimo e accións de fomento das embarcacións tradicionais de madeira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario