8 de xul. de 2026

TOMIÑO

Tomiño vibrará este sábado co pop tropiatlántico de Ortiga  

• O concerto, enmarcado no programa Son&Serán, será este sábado 11 de xullo ás 22.00 h na praza do Seixo  


Infogauda/Tomiño

 Verbenas galegas, electrónica, pop e ritmos que cruzan o Atlántico. Ortiga chegará a Tomiño este sábado 11 de xullo para demostrar que a música galega do século XXI non ten fronteiras nin etiquetas que a conteñan. O concerto, que comezará ás 22.00 horas na praza do Seixo, enmárcase no programa municipal Son&Serán e organízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa +Música. Entrada libre e de balde. 

 Ortiga é unha das voces máis singulares e coloridas da escena musical alternativa galega, un artista cocido no caldo das verbenas e das festas populares que transformou esa herdanza nunha proposta propia onde conviven o pop tropiatlántico, a electrónica e a música urbana. Un concerto pensado para difundir, promover e fomentar a cultura e a lingua galega a través da música. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, animou á veciñanza a non perderse a cita que trae “música galega de calidade, contemporánea, que conecta coa xente nova pero tamén con quen leva toda a vida nas verbenas. É un concerto que vai sorprender a moita xente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario