15 de xuño de 2026

TUI

Tui reivindica o municipalismo e urxe a superar a confrontación na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia  

•  O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, aludiu tamén á celebración do 800 anos da consagración da catedral tudense  


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi o encargado de presentar a ofrenda en nome das sete cidades do antigo Reino de Galicia

Foto: CT

Infogauda/Tui

 As sete capitais do antigo Reino de Galicia volveron reunirse onte na catedral de Lugo na tradición institucional máis antiga que se mantén viva en Galicia, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi o encargado de presentar a ofrenda en nome das sete cidades, nun acto que tal e coma sinalou na súa intervención A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Tui, “manteñen, con orgullo, esta tradición que liga a identidade de Galicia, as súas institucións máis perdurables, coa forza dos concellos aquí representados”.  Engadiu o rexedor tudense que a mesma “é símbolo da identidade propia e da condición colectiva do noso país”. Lembrou a declaración coma Ben de Interese Cultural, na categoría de patrimonio inmaterial, deste acto que posúe un alto valor simbólico tanto polo seu valor patrimonial como por “destacar o valor do municipalismo, o papel dos concellos, na conformación colectiva de Galicia, na defensa dos seus intereses, mediante a Xunta de Reino de Galicia, da que a actual institución autonómica é fecunda herdeira”. E reivindicou en nome dos 315 municipios galegos “o noso protagonismo na construción da personalidade de Galicia; protagonismo, pasado pero sen dúbida que tamén presente, na creación dunha terra máis próspera, acolledora e igualitaria”.  

 Unha xornada que Enrique Cabaleiro conectou coa celebración do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui afirmando que “esta catedral é a icona da nosa cidade” engadindo que “logra vincular a cada veciño con ese templo alzado no cume do outeiro tudense expresando unha comuñón, tantas veces silandeira, entre todo os tudenses que se atopan nela e nela atopan a expresión da súa identidade colectiva”.  

 Na súa intervención aludiu aos tempos incertos que nos toca vivir e as preocupacións actuais: a violencia e as guerras, a conculcación dos principios da legalidade internacional, e os novos tipos de pobreza, que dicía “xorden da precariedade laboral, dos baixos salarios, da practica imposibilidade do acceso á vivenda que leva a una exclusión residencial para tantos, da difícil conciliación entre a vida familiar e laboral, da dificultade para a emancipación da nosa mocidade, da necesidade de emigrar para atopar empregos de calidade, da discriminación por calquera motivo o condición, da soidade non desexada de tantos dos nosos maiores, de tantos nenos e mulleres que sofren violencia ou maltrato...”.  

 Na súa intervención Enrique Cabaleiro afirmou que “urxe superar a confrontación permanente, o diálogo de xordos, calquera tipo de crispación... pois a pesares da desinformación que padecemos hai moitos mais valores que compartimos e que nos unen como sociedade e que posibilitan o acordo, o entendemento... como testemuñamos hoxe os sete concellos representados nesa Ofrenda. Úrxenos exemplaridade de conductas, ideas de cohesión social, para que a política, no seu máis amplo sentido de todo o que atinxe á vida colectiva, sexa unha ferramenta efectiva para artellar un futuro mellor e solidario para todos”.  

 A resposta á ofrenda e a homilía foi realizada por Monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo.  

 Até Lugo desprazáronse concelleiros e concelleiras tudenses, xunto a Asociación do Traxe Tradicional de Tui e tamén a numerosa veciñanza tudense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario