17 de xuño de 2026

PONTEVEDRA

FEMUPO segue traballando no Plan Corresponsables para formar mulleres no coidado profesional de menores 


Raquel Touriño/Pontevedra

 A entidade está a desenvolver unha formación especializada de 330 horas vinculada á cualificación profesional “Atención a persoas non dependentes con necesidades de coidados no seu contorno cotiá”. 

 FEMUPO, Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra, puxo en marcha o Plan Corresponsables 2026, unha nova actuación dirixida á formación e profesionalización de mulleres no ámbito do coidado de menores non dependentes. 

 O proxecto enmárcase nas liñas do Plan Corresponsables relativas aos servizos de coidados e fomento do emprego no sector, así como ás medidas para o impulso de cualificacións profesionais. A actuación está orientada especificamente ao coidado de menores, excluíndo a atención a persoas adultas, e toma como referencia a cualificación profesional 2.SSC853_2: Atención a persoas non dependentes con necesidades de coidados no seu contorno cotiá, regulada polo Real Decreto 919/2024. 

 O programa formativo contará cunha duración total de 330 horas e estrutúrase en tres módulos vinculados ás correspondentes unidades de competencia. O primeiro deles, MF2807_2, de 150 horas, abordará a atención ás necesidades de alimentación, hixiene persoal, vestido, promoción da autonomía e acompañamento da persoa menor non dependente. O segundo, MF1868_2, de 120 horas, centrarase nas técnicas e recursos de animación en actividades de tempo libre. O terceiro, MF0272_2, de 60 horas, estará dedicado á formación en primeiros auxilios. 

 A formación desenvolverase en modalidade semipresencial, incorporando unha aula virtual para facilitar o acceso das participantes, especialmente das mulleres do ámbito rural. Ademais, o programa combinará sesións presenciais iniciais, de seguimento e de peche, co obxectivo de garantir acompañamento, resolución de dúbidas e apoio durante todo o proceso formativo. 

 A aula virtual permanecerá dispoñible de xullo a outubro para que as participantes poidan completar os contidos con flexibilidade e adaptándose ás súas necesidades.

 Esta actuación diríxese prioritariamente a mulleres da provincia de Pontevedra, especialmente mulleres do rural, mulleres en situación de desemprego, mulleres con experiencia previa non acreditada no ámbito dos coidados e persoas interesadas en profesionalizarse no sector do coidado infantil. 

 Desde FEMUPO sublíñase que o Plan Corresponsables 2026 permitirá avanzar na profesionalización efectiva do sector dos coidados infantís, mellorar a empregabilidade feminina e contribuír á creación dunha bolsa de persoas cualificadas para servizos de coidado. 

 Como parte do proxecto, FEMUPO está a desenvolver tamén unha campaña de difusión e información en concellos, asociacións e redes sociais, co obxectivo de dar a coñecer esta cualificación profesional e facilitar que as mulleres interesadas poidan acceder á formación. 

 O Plan Corresponsables 2026 de FEMUPO conta co apoio da Xunta de Galicia e do Plan Corresponsables, impulsado polo Ministerio de Igualdad do Goberno de España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario