17 de xuño de 2026

OIA

O Partido Popular de Oia rexeita apoiar a regularización de persoas migrantes proposta polo PSOE 


Casa do Concello de Oia
Foto: HombreDHojalata

Infogauda/Oia 

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia lamenta que o Partido Popular votase en contra da moción presentada polo PSOE para apoiar o proceso extraordinario de regularización de persoas migrantes aprobado polo Goberno de España e promover políticas de integración e convivencia no municipio.  

 A iniciativa socialista contou co apoio do BNG, pero foi rexeitada polos votos en contra do grupo de goberno do PP, impedindo que o Concello de Oia se sumase a unha medida que busca ofrecer seguridade xurídica, dereitos e oportunidades a milleiros de persoas que xa viven, traballan e contribúen á sociedade.  

 A moción defendía o apoio ao Real Decreto 316/2026, aprobado polo Goberno de España, que establece un proceso extraordinario de regularización para persoas en situación administrativa irregular que residen no país, unha medida respaldada por centos de organizacións sociais, sindicatos, entidades empresariais e institucións relixiosas.  

 Desde o PSOE de Oia lembran que moitas destas persoas levan anos formando parte da vida económica e social dos nosos pobos e cidades, desempeñando traballos esenciais en sectores como os coidados, a agricultura, a hostalaría ou a construción.  

 “O que propoñiamos era unha cuestión de xustiza, de sentido común e de responsabilidade institucional. Falamos de persoas que xa viven entre nós, que traballan e contribúen á sociedade, pero ás que se lles segue negando unha situación administrativa regular”, sinalan os socialistas.  

 A moción tamén instaba á Xunta de Galicia a colaborar co Goberno de España na aplicación do proceso de regularización e reafirmaba o compromiso dos concellos coa integración social e coa igualdade de trato para todas as persoas, independentemente da súa orixe. 

 Desde o PSOE consideran especialmente preocupante que o PP votase en contra dunha proposta que contaba cun amplo respaldo social e institucional e que busca reforzar a cohesión social e combater a economía mergullada.  

 “Resulta difícil entender que o Partido Popular se opoña a unha medida que favorece a integración, combate a precariedade laboral e permite que persoas que xa forman parte da nosa comunidade poidan exercer plenamente os seus dereitos e cumprir tamén coas súas obrigas”, engaden.  

 Os socialistas destacan ademais que Galicia afronta un importante reto demográfico e de envellecemento da poboación, polo que a incorporación ao sistema formal de persoas que xa residen e traballan no país contribúe tamén a fortalecer o mercado laboral, o sistema de pensións e os servizos públicos.  

 “Oia sempre foi unha terra aberta e acolledora. Por iso lamentamos que a alcaldesa e o PP decidisen votar en contra dunha moción que apelaba precisamente á integración, á convivencia e ao recoñecemento da achega que realizan tantas persoas migrantes ao noso municipio e á nosa sociedade”, conclúen desde o Grupo Municipal Socialista.  

Resultado da votación: 

PSOE: a favor 

BNG: a favor 

PP: en contra  

 Ao non obter a maioría necesaria, a moción presentada polo PSOE de Oia non saíu adiante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario