A Escola Municipal de Teatro de Tomiño baixa o pano tras un curso cheo de emocións
• Case 40 nenas, nenos e adolescentes achegáronse ao mundo teatral e adquiriron ferramentas para o seu día a día
Foto:CT
Infogauda/Tomiño
Quince anos, case 700 persoas e un escenario que segue cambiando vidas. A Escola Municipal de Teatro de Tomiño, Migallas, baixa o pano tras un curso cheo de emocións e aprendizaxes. Baixo a batuta da docente e actriz Tamara Campos, case 40 nenos, nenas e adolescentes desfrutaron este curso dunha escola que non busca crear grandes artistas, senón “darlle ao alumnado ferramentas para expresar as súas emocións no día a día e ofrecerlles un espazo seguro no que poidan ser elas e eles mesmos”, como explica a profesora.
A través da expresión dramática, a creación, o ensaio e a posta en escena, o programa introduce ao alumnado no mundo teatral ao tempo que estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomenta o traballo en equipo e mellora os recursos expresivos e comunicativos, con independencia da idade.
O xogo é o eixo de todo. A través da improvisación, os participantes aprenden a expresar os seus sentimentos e a defender a súa opinión, adquirindo unha habilidade que vai moito máis aló do teatro: “a de alzar a súa voz cando saian ao mundo”. Tecer grupo, tratarse con igualdade e respecto e traballar xuntas e xuntos son os outros piares dunha proposta que entende a aprendizaxe como un acto colectivo e transformador.
A alcaldesa, Sandra González, subliñou o valor humano e social desta iniciativa, “un proxecto do que sentimos moito orgullo, porque prepara para o futuro a persoas máis seguras, máis expresivas e máis capaces de relacionarse co mundo. Quince anos xa xogando para seguir aprendendo e ensinando uns valores que a nosa rapazada levará sempre dentro”. As clases retómanse en setembro para un novo curso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario