30 de maio de 2026

TUI/VIGO

A Xunta de Galicia entrega en Vigo e Tui os premios do concurso escolar ‘Amosando e protexendo o noso territorio’ do Proxecto Terra 

 Na Escola de Educación Infantil Plurilingüe Monte do Alba, de Vigo, a alumna Aitana Pérez Carballo recibiu o premio individual dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil

 No CEIP Pazos de Reis, de Tui, o alumno Adrián da Sousa Martín foi recoñecido co premio individual destinado ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria

• A directora de Protección da Legalidade Urbanística, Victoria Núñez, visitou hoxe dous centros educativos para recoñecer o traballo do alumnado premiado nun certame que fomenta o coñecemento e a protección da paisaxe e do territorio


No CEIP Pazos de Reis, de Tui, o alumno Adrián da Sousa Martín foi recoñecido co premio individual na categoría destinada ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.
Fotos: XG
Na Escola de Educación Infantil Plurilingüe Monte do Alba, de Vigo, a alumna Aitana Pérez Carballo recibiu o premio individual dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil


Infogauda/Tui/Vigo

 A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Victoria Núñez, entregou hoxe no EEI Plurilingüe Monte do Alba (en Vigo)  e no CEIP Pazos de Reis (en Tui) os premios do concurso escolar; “Amosando e protexendo o noso territorio”. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da APLU no marco do Proxecto Terra, e de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), para promover entre o alumnado a reflexión sobre a paisaxe, o territorio e a súa conservación.  

 Os actos de entrega de premios celebrados hoxe nos dous centros educativos da provincia de Pontevedra serviron para recoñecer o traballo realizado polos escolares participantes neste certame, así como a implicación das comunidades educativas nun proxecto que busca sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia de facer un uso responsable e sustentable do territorio.  

 No caso da Escola de Educación Infantil Plurilingüe Monte do Alba, de Vigo, recoñeceuse o traballo da alumna Aitana Pérez Carballo, que recibiu o premio individual dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil. Como recoñecemento, a gañadora recibiu un patinete con casco e un xogo de lapis acuarelables. Ademais, a súa aula foi distinguida cun premio colectivo á participación, consistente nun lote de material educativo e lúdico formado por xogos de memoria, cartas, puzzle, kit de pinturas e unha reprodución en gran formato da obra gañadora.  

 Pola súa banda, no CEIP Pazos de Reis, de Tui, o alumno Adrián da Sousa Martín foi recoñecido co premio individual na categoría destinada ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. O galardón consistiu nun maletín de pintura profesional, mentres que a súa aula recibiu tamén un premio colectivo á participación integrado por distintos xogos educativos, material artístico e unha réplica en gran formato do traballo premiado.  

 O concurso “Amosando e protexendo o noso territorio”, promovido pola APLU, ten como finalidade que o alumnado exprese mediante debuxos, pinturas ou fotografías a súa visión da contorna, da paisaxe e dos espazos naturais e construídos que forman parte do territorio galego. A través destas creacións artísticas, os participantes analizan os elementos que conforman o seu medio máis próximo e afondan en conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído ou a ordenación do territorio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario