O PP DE TUI ARREMETE CONTRA O GOBERNO LOCAL POR DISCRIMINAR AOS NENOS CON NECESIDADES DE APOIO OU DISCAPACIDADE POR EXCLUÍLOS DOS CAMPAMENTOS DE VERÁN
• Os populares denuncian que as bases recollen que os cativos con discapacidade igual ou superior ao 33% só poderán asistir a esta actividade se teñen capacidade de integración acreditada por un médico
• O voceiro municipal, Nico Montes, considera que o Concello ten a obriga legal de adaptar este servizo público para que todos os nenos poidan participar en igualdade e cre que os requisitos prexudican á conciliación
Infogauda/Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de arremeter contra o goberno local de Enrique Cabaleiro por discriminar directamente aos nenos con necesidades de apoio ou que teñen algunha discapacidade por excluílos da participación nos campamentos de verán.
Neste senso, os populares denuncian que as bases contemplan especificamente unha cláusula “aberrante” na que se indica que os cativos cunha discapacidade igual ou superior ao 33% só poderán participar nesta convocatoria se teñen capacidade de integración no grupo e se as súas circunstancias lles permiten beneficiarse das actividades, algo que debe ser acreditado mediante un informe médico, educativo ou social.
Para o PP tudense, que lembrou que o pasado ano xa se incurríu noutras discriminacións nestes campamentos ao desbotar aos nenos non empadroados de pais separados pero cun proxenitor efectivamente censado en Tui, este requisito supón un “castigo” para os cativos con necesidades de apoio, pero tamén para as súas familias, que non se poden beneficiar desta opción municipal de conciliación e deben buscar alternativas específicas que son moito máis caras.
Os populares revelaron que outros municipios da contorna, en vez de excluír, piden nunha folla de solicitude as medidas de apoio e as necesidades específicas que precisa o neno “no que supón unha medida integradora inversa ao que propón Tui” e lembraron que a Valedora do Pobo xa fixo unha recomendación nesta mesma liña “para que non se vulneren os dereitos dos rapaces e das súas familias”.
Ante esta situación, o voceiro municipal do PP, Nico Montes, calificou estas esixencias para participar nos campamentos estivais de “inadmisibles” e reclamou que, en vez de excluír aos nenos polas súas condicións, se proceda a adaptar este servizo público para que todos os nenos poidan participar en condicións de igualdade “sen que sirva de excusa, en ningún caso, a suposta falta de recursos do Concello”.
“Non se pode seleccionar aos participantes polas súas circunstancias nun servizo que debe ser universal e non se poden incumprir os principios fundamentais de igualdade, inclusión, accesibilidade e non discriminación, así que imos esixirlle ao goberno socialista que cambie as bases”, manifestou Montes, que ironizou coa pretensión do Concello de converterse en “Cidade Amiga da Infancia”, unha iniciativa de UNICEF “para a que supoño que estaremos totalmente desbotados por medidas como esta e que se avergoñaría destas políticas discriminatorias do Concello de Tui”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario