22 de maio de 2026

PONTEAREAS

OS FARMACÉUTICOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA FINALIZARON EN PONTEAREAS OS ENCONTROS COMARCAIS ENMARCADOS NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO 

• Finalizaron as reunións de ámbito comarcal enmarcadas no Programa pioneiro desenvolvido polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, en colaboración coa Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno na provincia de Pontevedra, e dirixidos a favorecer a coordinación e a creación de sinerxías entre os profesionais implicados. 

• A última delas tivo lugar onte xoves 21 de maio, en Ponteareas, reunindo o Centro de información á Muller de Ponteareas e aos Corpos e Forzas de Seguridade do estado dependentes da comarca de Condado-Paradanta 


Neste encontro, déronse cita os farmacéuticos das farmacias e do centro de saúde de Ponteareas, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García, e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, alén dos responsables do centro de información á muller do devandito municipio, membros dos equipos Viogen da Garda Civil e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro

Foto:COFFPO

Redacción/Ponteareas 

 O Colexio de Farmacéuticos e a Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno finalizaron os encontros comarcais enmarcados no Programa de Intervención do farmacéutico en materia de violencia, a través do cal a profesión farmacéutica participa activamente en distintas accións de información, prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero. 

 O encontro celebrado onte é a novena formación que se desenvolve desde o mes de outubro polas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra. 

 Neste encontro, déronse cita os farmacéuticos das farmacias e do centro de saúde de Ponteareas, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García, e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller dependente da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez, alén dos responsables do centro de información á muller do devandito municipio, membros dos equipos Viogen da Garda Civil e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. 

 “Contar coa presenza da alcaldesa, Nava Castro, é importante para nós, xa que indica a relevancia desta iniciativa e o seu valor social” indica a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García. 

 A alcaldesa destacou o importante papel que poden ter os farmacéuticos na detección e axuda a mulleres vítimas, debido á súa proximidade ao paciente, especialmente no caso dos farmacéuticos rurais, onde en moitas ocasións o farmacéutico comunitario é o único profesional sanitario ao que estas mulleres poden acudir en busca dun espazo seguro. E agradeceu ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra a súa implicación para sumar cada día unha farmacia Punto Violeta ás 76 que actualmente existen na nosa provincia. 

 Pola súa banda, Beatriz García, destacou o obxectivo destes encontros. “Trátase de mellorar a coordinación entre todos os axentes intervenientes en materia de violencia, poñéndonos cara e permitindo que cada profesional coñeza os recursos, protocolos e o traballo que realizan os demais, dando a coñecer ademais a integración da farmacia na rede de puntos violeta para prevención e protección das vítimas de violencia impulsada polo Ministerio de Igualdade”. E engade: “Facer crecer esta rede de farmacias comprometidas reforza a resposta fronte á violencia de xénero na nosa provincia”. 

 María José Rodríguez, xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, animou ás farmacias para adherirse á rede de Puntos Violeta, que representan os espazos de información e axuda ás mulleres que puidesen estar a ser vítimas de violencia, e resalta a importancia de que a través do QR do adhesivo de Puntos Violeta, a vítima pode ter acceso a toda a información e recursos en materia de violencia na súa zona, de forma discreta e en calquera momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario