A CIG-Servizos inicia unha campaña para reclamar a municipalización do SAF de Tomiño
• Aposta por aproveitar a derradeira prórroga coa concesionaria -que acumula numerosas irregularidades- para que o Concello asuma a xestión directa
Infogauda/Tomiño
A CIG-Servizos vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e mobilizacións para reclamar a xestión directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por parte do Concello de Tomiño, unha vez que o vindeiro 21 de xullo remata a derradeira prórroga do contrato de xestión subscrito coa empresa Idades, concesionaria que nos últimos anos acumula numerosas irregularidades laborais e incumprimentos do prego de condicións. Na central sindical defenden un sistema galego de coidados público e de calidade, e sinalan que a pesar de que o servizo depende da Xunta e que esta descarga nas administracións locais a responsabilidade, “a privatización non é a solución”.
A decisión de comezar unha campaña de socialización entre a veciñanza tomiñesa das problemáticas que padece o SAF e de mobilizacións para demandar a súa municipalización foi adoptada o venres pasado en asemblea pola maioría do cadro de persoal, integrado por máis de 40 traballadoras. E chega despois da solicitude trasladada en xuntanza coa propia alcaldesa e co concelleiro responsábel, tras o que a CIG fixo entrega no consistorio dun estudo no que se demostra a viabilidade económica da prestación do servizo por parte do Concello. Ademais, a central sindical achegou un documento que recolle os principais problemas laborais que presenta o sector de Axuda no Fogar.
No caso de Tomiño, nos últimos catro anos a Inspección de Traballo ten constatado irregularidades constantes en canto ao cumprimento do prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo no que ten que ver coas condicións laborais. Entre elas, o incumprimento das 25 horas de traballo semanais mínimas, “o que impide a estabilidade económica das traballadoras”, a insuficiencia de medios técnicos ou a falta de protocolos de seguridade, acoso e agresión sexual.
En consecuencia, a CIG aposta por aproveitar o remate da prórroga coa concesionaria para que o Concello asuma a xestión directa do servizo, “tal e como fixo anteriormente co servizo de limpeza”. Para isto a representación legal das traballadoras propúxolle ao Goberno local pactar un contrato de transición de entre nove meses e un ano de duración co obxectivo de facilitar o proceso. “Pero atopámonos con que o O Goberno local non responde á nosa proposta”, lamentan dende a federación de Servizos. Polo que instan os responsábeis municipais a aclarar de forma urxente se teñen pensado atender as demandas das traballadoras do SAF e asumir a xestión directa do servizo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario