22 de maio de 2026

TOMIÑO

Aberta a comunicación previa para realizar as fogueiras de San Xoán en Tomiño  

 Só poderán realizarse na noite do martes 23 ao mércores 24 en espazos privados  

As comunicacións poderán presentarse ata venres 19 de xuño por Sede Electrónica  


Segundo as indicacións da normativa autonómica, as cacharelas unicamente poderán realizarse en espazos privados, como parcelas ou vivendas particulares, quedando expresamente prohibidas en espazos públicos como prazas, rúas pavimentadas, zonas verdes, xardíns ou calquera outro lugar que poida representar un risco, como zonas próximas a liñas eléctricas ou inmobles
Foto: CT

Infogauda/Tomiño

 Co gallo da celebración da noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño, o Concello de Tomiño lembra á veciñanza que, seguindo as indicacións da Xunta de Galicia, só se permitirán fogueiras esa noite concreta, quedando prohibidas en calquera outra data, incluída a fin de semana. 

 Segundo as indicacións da normativa autonómica, as cacharelas unicamente poderán realizarse en espazos privados, como parcelas ou vivendas particulares, quedando expresamente prohibidas en espazos públicos como prazas, rúas pavimentadas, zonas verdes, xardíns ou calquera outro lugar que poida representar un risco, como zonas próximas a liñas eléctricas ou inmobles.  

 Aquelas persoas que desexen organizar unha fogueira deberán presentar obrigatoriamente unha comunicación previa, indicando a localización exacta da queima. O prazo para formalizar esta solicitude remata o venres 19 de xuño e deberá facerse mediante instancia xeral a través da Sede Electrónica municipal. 

 O Concello advirte que non se autorizará ningunha fogueira sen esta comunicación previa, e que as autorizacións poderán quedar sen efecto no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables. 

 Para garantir a seguridade de todas as persoas e do medio ambiente, desde o Concello faise un chamamento á responsabilidade e ao cumprimento estrito da normativa. 

 Asemade, o Concello de Tomiño establece as seguintes prescricións para os particulares que leven adiante unha fogueira de San Xoán: 

- O diámetro da fogueira non será superior a 8 metros e a altura a 3 m. 

- O material de combustión será materia vexetal, quedando prohibido a queima de calquera outro tipo de material. 

- A separación entre as fogueiras e os edificios e árbores, será como mínimo de 12 metros. 

- Queda expresamente prohibido facer fogueiras nas praias. 

- Previo ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 10 m de longo rodeando o perímetro da fogueira. 

- Non poderá iniciarse ningunha fogueira cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciada a fogueira prodúcese aparición de vento, suspenderase inmediatamente o fogo, procedéndose a apagar o lume. 

- Non se abandonará a vixilancia da zona da fogueira, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas. 

- Toda fogueira autorizada deberá contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco que supón este tipo de acción, en ningún caso se poderá realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere de risco mínimo. 

- Queda prohibida a tirada de fogos sen a preceptiva autorización, e en caso de posuíla, os devanditos fogos non poderán ser tirados de noite. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario