12 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño fai das Letras Galegas unha festa viva entre libros, música e maxia  

 O Concello celebrará o 17 de maio cunha programación especial que inclúe a visita da escritora Ledicia Costas este sábado, e a Feira do Libro en Galego con actividades para toda a familia na praza do Seixo, o domingo  




Infogauda / Tomiño

 As letras galegas volverán encher Tomiño de historias, emocións e encontros nunha celebración pensada para vivir a literatura dun xeito próximo, divertido e compartido. O Concello organiza unha dobre cita para conmemorar o Día das Letras Galegas cun programa que combina literatura infantil e xuvenil, música, actividades lúdicas e promoción da lectura en galego. 

 A programación arrancará coa visita da recoñecida escritora Ledicia Costas o sábado, 16 de maio ás 12.00 h no Espazo Isaura Gómez, que presentará  o seu novo libro, ‘Bruxas e dragóns 1: Baba Iaga’, con ilustracións de Luismi Pérez. Trátase dun libro-xogo cheo de aventuras fantásticas no que os lectores e lectoras se converten en protagonistas dunha experiencia narrativa única, pensada para nenos e nenas a partir dos 10 anos. 

 Xa o domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, Tomiño celebrará na praza do Seixo unha nova edición da Feira do Libro en Galego, que se desenvolverá de 10.00 a 14.00 horas. Durante a xornada, as persoas asistentes poderán mercar libros cun desconto especial do 30%, do que o Concello achega un 20% e as librarías participantes o 10% restante. Ademais haberá actividades lúdico-educativas, obradoiros sobre lingua e literatura galega e o concerto da Agrupación Musical de Goián. As persoas participantes recibirán tamén camisetas, chapas e adhesivos ata fin de existencias. 

 Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado á escritora e xornalista Begoña Caamaño, unha figura clave da cultura galega contemporánea, comprometida co pensamento crítico, o feminismo e a defensa da lingua. A súa obra converteu a literatura e o xornalismo en ferramentas para o coñecemento, a reflexión e a transformación social, combinando rigor, sensibilidade e imaxinación. A súa voz segue dialogando hoxe coa sociedade actual, converténdose nun referente dunha cultura galega viva, plural e comprometida. 

 Dende o Concello sinálase que esta programación busca “seguir fomentando o amor pola lectura e pola lingua galega entre persoas de todas as idades, facendo das Letras Galegas unha celebración aberta, participativa e chea de creatividade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario